Francisco Rodríguez Toubes


Categoría: Militar
Data de Nacemento: 25 de xaneiro de 1816 (†1865)
Lugar de Nacemento: Quiroga (Lugo)
 Currículum

Naceu nunha noble familia galega. Foi seu pai Francisco Félix Rodríguez de Losada, natural de Quiroga; a súa nai foi Luisa de Toubes y Acevedo, natural de Cenlle (Ourense). O seu avó, Félix Ventura de Toubes, era irmán do decano do Tribunal da Rota Juan Manuel de Toubes Acevedo.

Ós vintetrés anos foi nomeado subtenente de Francos Voluntarios de Galicia, en plena guerra civil (1833-1840). Na acción de Castrocán (1835) tivo o seu bautismo de lume e moi cedo houbo de distinguirse durante esta contenda en Galicia, na que foi merecedor de tres mencións honoríficas, dos ascensos por méritos de guerra e da Cruz da 1.ª Clase da Orde de San Fernando (1840).

Terminada a guerra civil embárcase en Cádiz con destino ó Exército de Ultramar da illa de Cuba (1841). En 1849 tivo que facer varios movementos coa súa compañía de cazadores no departamento oriental da illa, co gallo das agresións piráticas.

Tamén participou na persecución e exterminio da segunda invasión filibustera (1851), protagonizada polo venezolano Narciso López, coñecido por ser quen diseñou a actual bandeira de Cuba, a do triángulo vermello. Foi instructor de quintos (1845-1846) e de catro compañías de cazadores no tiro da carabina Minié en Guanayais (1852-1853). En 1853 foi nomeado subinspector das tropas daquel exército e cabaleiro da Orde de Isabel a Católica.

En Cuba casou coa moza de orixe haitiano Ana Betancourt Ochoa, filla do licenciado principeño José Manuel Betancourt.

Tras causar baixa no Exército español (1854), en virtude de solicitude propia, pasou ó servizo do Exército mexicano como tenente coronel xefe do 14 batallón de liña do mesmo corpo. Pouco despois, e con tan só trinta e oito anos, o xeneral Antonio López de Santa Anna nomeouno coronel do Exército mexicano (1854). O seu primo irmán Manuel Benito Toubes foi comandante do emperador Maximiliano de México (1865).

Reintegrado no Exército español (1856), foi nomeado cabaleiro da Real e Militar Orde de San Hermenegildo (1858). Tras dous anos de repouso na Península, embarcou coa súa compañía na corbeta de guerra Ferrolana con destino ós recentes dominios españois na illa de Fernando Póo, no golfo de Guinea (1859). Con él ían neste buque o brigadier José de la Gándara como gobernador, en compaña da súa dona e as súas dúas fillas; Julián Pellón, comisario de Fomento; José Muñoz Gaviria, vizconde de San Javier, administrador; Luis Iglesias Pardo, médico da Armada; varios funcionarios e cento vinteoito colonos. Ó ano seguinte foi nomeado xefe inspector do Hospital Militar e membro do Consello de Goberno da illa (1860). Pouco despois foi comisionado polo gobernador general de Fernando Póo para desempeñar unha comisión de servizo en Santa Cruz de Tenerife e en Inglaterra (1861). Ó seu regreso trouxo consigo no vapor León ós condenados a cadena perpetua, os “Confinados de Loja”, convertíndose deste xeito a illa de Fernando Póo en presidio. Finalmente caeu enfermo a causa do clima africano, morrendo como tenente coronel de Infantería, xefe do Batallón Provincial de Tuy (1865).

 

Fuentes y bibl.: Archivo General Militar (Segovia), Exp. personal.

J. Muñoz Gaviria, vizconde de Santa Cruz, Crónica General de España. África. Islas de Fernando Póo, Corisco y Annobon, Madrid, Editores Rubio, Grilo y Vitturi, 1871; Tres años en Fernando Póo: Viaje a África, Madrid, Manini, 1871; J. A. García Castañeda, Narciso López. Su vida y su época, La Habana, Editorial Neptuno, 1950; F. Díaz Díaz, Caudillos y caciques: Antonio López de Santa Anna y Juan Álvarez, México, el Colegio de México (Centro de Estudios Históricos), 1972; J. R. Barreiro Fernández, El carlismo gallego, Santiago de Compostela, Editorial Pico Sacro, 1976; C. Bustamante, Apuntes para la historia del gobierno del general don Antonio López de Santa Anna, México, Instituto Cultural Helénico, 1986 (ed. facs.); C. de la Peña Vidal, “A liñaxe dos Toubes”, en Boletín de Genealogía Heráldica y Nobiliaria de Galicia, 3 (2004), págs. 47-72; C. Viscasillas Vázquez, “El aventurero gallego don Francisco Rodríguez Toubes. Un quiroguense en el Álamo (Apuntes para una biografía)”, en Boletín de Genealogía Heráldica y Nobiliaria de Galicia, 4 (2005), págs. 219-244.

 

Autor do texto: Carlos Viscasillas Vázquez.