Inicia os seus estudos no Conservatorio da citada capital, ampliando posteriormente a carreira de clarinete, onde tivo como profesor ó catedrático Julián Menéndez.
Así mesmo, estudou Harmonía e Fuga co mestre Ramón de Sanjosé e Composición co director da Banda de Alabardeiros Emilio Vega. Oposita ó Corpo de Directores de Banda e cando o mestre Sariñena se vai destinado a Zaragoza, en 1944, faise cargo da Banda Municipal de Lugo. Xubílase en 1976.
Durante a súa longa etapa á fronte da colectividade lucense, efectuáronse as gravacións discográficas que levaron a música de Montes, Veiga, Del Río, Sariñena e outros moitos a diversos países que eran daquela destino de emigrantes galegos.
Foron centos de alumnos que aprenderon música co mestre Méndez, primeiro na Academia de Música Municipal na rúa Armañá, logo no antigo Campo da Feira e finalmente no Mercado de Quiroga Ballesteros.
A el débese tamén a reorganización da Banda de Sarria. Sempre acudiu a todas as chamadas e sempre o fixo desinteresadamente.
Na primavera do ano 1970, o escritor Ánxel Fole, bo amigo do mestre Méndez, pediulle que con motivo do “Día das Letras Galegas” se preparara un concerto integramente dedicado á música galega e así foi desde entón. A Banda nunca deixou de ofrecer este concerto o 17 de maio, o domingo máis próximo a ese día.