Francisco Castro


Categoría: Escritor e profesor
Data de Nacemento: 8 de outubro de 1966
Lugar de Nacemento: Vigo (Pontevedra)
 Currículum

O autor vigués leva moitos anos traballando no eido da comunicación e a xestión cultural. É asiduo colaborador de diversos medios de comunicación galegos como cronista cultural. Foi un dos primeiros autores en promover o uso da Internet como motor para animación á lectura e o debate cultural, nomeadamente desde a súa concorrida bitácora 'A canción do náufrago'.

De 2010 a 2015 foi presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.

Dende decembro de 2016, é Director Xeral da Editorial Galaxia.

 Obras realizadas

A súa carreira como escritor comezou no ano 1991 coa publicación de Amor de cinema, ao que lle seguiron Play-Back (Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 1997), o libro de relatos eróticos Xeografías (finalista do Premio de Narrativa Erótica Positivas, 2001), os relatos de A canción do náufrago, ambos de 2001, e a novela histórica Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que introduce ao lector no mundo das drogas. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam. Logo viñeron outras publicacións como: 'O corazón da Branca de Neve', gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, 'In vino veritas' ou 'As palabras da néboa' coa que en 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, obra da que o xurado destacou “un discurso narrativo orixinal cunha proposta novedosa de novela histórica”.

Tamén publicou obras para nenos e rapaces como: 'Tes ata as dez', 'Chamádeme Simbad' ou 'O neno can'.

Como articulista, recibiu o Manuel Reimóndez Portela polos seus traballos de animación á lectura.