Como fillo único vive a súa nenez moi achegado á súa nai Vicenta Alonso-Cuevillas Álvarez-Seara. Asiste á escola de párvulos das señoritas de Hermida e ó Colexio León XIII. Estudia o bacharelato no novo instituto de Ourense desde 1896 a 1901. Ó remata-lo bacharelato trasládase a Santiago en 1902 para estudiar Farmacia, carreira que remata en 1906 e que nunca chegaría a exercer. En 1911 trasládase a Madrid e asiste a clases de Historia de España e Historia da Literatura. En Madrid casa con Milagros Rodríguez coa que ten tres fillas. De volta en Ourense intégrase no ambiente social da cidade participando en diferentes actividades e dando conferencias. En 1919 desempeña o cargo de bibliotecario. Os seus primeiros escritos aparecen no periódico El Miño e colaborará tamén con La Zarpa, Pueblo Gallego, Diario de Orense, El Heraldo, Misión, Faro de Vigo, La Noche e La Región. A finais de 1917 ou comezos de 1918 entra nas Irmandades da Fala. En 1920 participa na fundación Nós. A partir de 1922 comeza unha etapa de plena dedicación ó estudio e investigación da Prehistoria do Seminario de Estudios Galegos. Así inícianse as primeiras prospeccións de parroquias e comarcas. Inaugúranse catalogacións sistemáticas de castro. Reúne milleiros de papeletas para un inventario de mámoas e elabora mapas de dispersión. Practica escavacións en asentamentos castrexos. En 1941 ingresa na Real Academia Galega. En 1944 dirixe a sección de Prehistoria do Instituto de Estudios Galegos.
Aínda que a partir de 1920 Cuevillas se centra case exclusivamente nos seus estudios e investigacións de Prehistoria, Etnografía e Arqueoloxía non debemos esquece-las súas contribucións literarias. Moitos ensaios e artigos literarios, tanto en castelán como en galego foron inseridos en publicacións periódicas como Nós, La Noche, Galicia emigrante ou en libros colectivos como Paisaxe e Cultura, Homaxe a Ramón Otero Pedrayo...En 1920 publica no número 1 da revista Nós o ensaio Dos nosos tempos no que describe a situación espiritual pola que pasa o Grupo Nós. Este ensaio marca o inicio da súa vocación galeguista, aínda que non abandona a literatura definitivamente. En 1922 publica o seu primeiro traballo arqueolóxico en Nós La Mansión de Aquis Querquernis co que se inicia a Sección de Arqueoloxía da revista. O 28 de abril de 1924 presenta como traballo de ingreso no Seminario de Estudios Galegos A edade de Ferro na Galiza.Así en 1962, catro anos despois da súa morte, a editorial Galaxia recolleu 32 dos ensaios galegos no libro Prosas galegas (reeditado en 1971). Trátase dunha selección de traballos dividida en varios campos: escritos de creación literaria como O trasno na vila, O poema da Seca, Trono, Néboa, Sementeira..., textos nos que traza a semblanza dos escritores ourensáns Curros, Lamas Carvajal e Otero Pedrayo e ensaios de tema arqueolóxico como Noite na Citania.