Fernando Salgado García


Data de Nacemento: 1953
Lugar de Nacemento: Monterroso (Lugo)
 Currículum

É Licenciado en Ciencias da Información, rama de Xornalismo, pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) e tamén posúe estudos de Terceiro Grao en Ciencias Económicas na Universidade da Coruña (UDC), onde exerceu como mestre de Estructura Económica e de Economía de Galicia entre 1990 e 2004.

No ámbito da docencia, tamén destacan as súas dúas etapas como profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (2004-2005 e de 2009 en adiante). Entre ditas etapas, foi Secretario Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia e Presidente de Retegal, no Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño. Ainda que ésta non foi a súa única responsabilidade no ámbito da política, pois anteriormente tiña formado parte do Consello da Xunta entre 1987 e 1990, como Conselleiro de Economía e Facenda e Secretario Xeral da Fundación Galicia-Europa, baixo a presidencia de Fernando González Laxe. Asimesmo, entre 1989 e 1994 foi deputado no Parlamento de Galicia e portavoz do Grupo Socialista para asuntos económicos, para exercer posteriormente como portavoz en 1994.

Comezou a súa ampla traxectoria xornalística como cronista parlamentario do diario Mundo Obrero nas primeiras Cortes Xerais. Durante a transición, foi corresponsal e colaborador de varias publicacións (Informaciones, La Calle, Tiempo de Historia, La Boira, Treball…). Especializado en xornalismo económico, foi fundador e xefe da sección de Economía de La Voz de Galicia entre 1981 e 1987), onde tamén coordinou os suplementos “Economía y Consumo” e “Europa”. Tras varios anos adicados á actividade política, regresou ó mundo do xornalismo en 1994, como director do diario El Progreso. Entre 2001 e 2005 foi redactor xefe e Delegado de La Voz de Galicia e de Radio Voz na provincia de Lugo.

Actualmente, é columnista de La Voz de Galicia e profesor de técnicas de expresión oral e escrita aplicadas ó Dereito na USC.

 Obras realizadas

Entre as súas numerosas publicacións, destacan: “El Estatuto de Galicia” (Madrid, Tiempo de Historia, 1976); edición, prólogo e notas a “Vicente Risco: Obra Completa” (Madrid, Akal, 1981); “O Jalisco” (Vigo, Edicións Ir Indo, 2001), así como un grande número de estudos sobre asuntos económicos, ademáis de intervencións e comunicacións en xornadas e congresos. 

Fernando Salgado está considerado un dos meirandes expertos na figura do escritor e poeta Lorenzo Varela, sobre o que ten no seu haber varios libros publicados en Edicións do Castro: “Lorenzo Varela, crónica dunha vida atormentada” (1985); “Lorenzo Varela, a voz desterrada” (2005); edición, prólogo e notas a “Vinte e nove cartas de Lorenzo Varela” (2005). Sobre o mesmo autor, tamén publicou “Lorenzo Varela: Fotobiografía” (Vigo, Xerais e Consello da Cultura, 2005) e “Lorenzo Varela, memorias incompletas” (A Coruña, Colección Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia, 2005).

En 2017, obtivo o Premio Diego Bernal.