Félix Villares Mouteira


Categoría: Crego e profesor
Data de Nacemento: 24 de marzo de 1947
Lugar de Nacemento: San Martiño de Belesar - Vilalba

Opinión
 Currículum

Aprende as primeiras letras na escola unitaria de San Martiño de Belesar (Vilalba). Cando ten once anos, en 1958, ingresa no Seminario de Mondoñedo, cursando o primeiro e o segundo curso de Latín e Humanidades no Mosteiro de Vilanova de Lourenzá, onde estaban daquela os dous primeiros cursos do Seminario Menor. No curso 1960-61 pasa a Mondoñedo onde cursará terceiro, cuarto e quinto de Latín e Humanidades, primeiro, segundo e terceiro de Filosofía e primeiro de Teoloxía. No curso 1967-68 pasa a Salamanca para cursa-la Teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca, obtendo a licenciatura en Teoloxía en xuño de 1971. En Salamanca desenvolve un intenso labor cultural entre os galegos da cidade charra. O 28 de xullo na igrexa de San Martiño de Belesar (Vilalba) é ordenado sacerdote por Don Miguel Anxo Araúxo Iglesias, daquela Bispo de Mondoñedo-Ferrol. Toda a celebración foi en lingua galega. O 28 de setembro de 1971 é nomeado profesor e formador do Seminario Menor de Mondoñedo, sendo o primeiro profesor de Lingua Galega do Centro. O 22 de agosto de 1988 é nomeado Rector do Seminario Menor de Santa Catalina de Mondoñedo, sendo o primeiro profesor de Lingua Galega do Centro. Desde o 1 de setembro de 1999 a xuño de 2006 foi Vicario Xeral do Bispado de Mondoñedo-Ferrol. Na actualidade é Director do Arquivo Diocesano do Bispado de Mondoñedo-Ferrol.

 Obras realizadas

Sendo estudiante de Filosofía no Seminario de Mondoñedo (ano 1963), crea con outros compañeiros, a revista "Trapecio" que comeza a publicar artigos en lingua galega. Nos anos da estadía en Salamanca desenvolve un intenso labor cultural promovendo a celebración dunha misa en galego, exposicións de libros, conferencias, recitais de poesía, publicación da revista "Anduriña" etc. Xa de profesor no Seminario de Mondoñedo leva adiante un intenso labor cultural e de promoción do deporte escolar en toda a Mariña de Lugo. en abril de 1982, crea a revista escolar "AMENCER" cunha periodicidade mensual, da que saíron xa 170 números. Cando é nomeado Rector do Seminario Menor abre as portas do Seminario non so ós mindonienses senón tamén á xente da cultura de toda Galicia. Sendo Rector do Seminario ten lugar a restauración do edificio do Seminario. Publicou ‘Os poetas do Seminario de Mondoñedo’, con Limiar de Xesús Alonso Montero, Servicio de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo (1977), ‘Xosé Crecente Vega’, editorial Toxosoutos, Noia (2001) e ‘San Martiño de Belesar: Memoria e futuro’, Santiago (2005). Ademais, coordinou o libro ‘A Carón do lume’, Edicións Citania, Lugo (1999) e colaborou no libro colectivo ‘Galicia, ano 70’, Edicións Celta, Lugo (1971), no libro ‘Cinguidos por unha arela común’ (Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero), Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago (2000) e en catro biografías (‘D. Misael Prieto García, o defensor dos pobres’; ‘Don Xosé María Goás Ferreiro, un pastor asceta e penitente’; ‘D. Luis Villarino Couto, un referente de amor a Deus nos demais’ e ‘Sor María Luisa del Sagrado Corazón, unha muller de Deus’) no libro colectivo coordinado por Segundo Pérez López, ‘Testigos de la fe ne la Diócesis de Mondoñedo-Ferrol’, Santiago (2003). Ten colaborado nas revistas "Encrucillada", "Amencer","A Croa" e nos xornais La Voz de Galicia, el Ideal Gallego e El Progreso. Ten feito cos alumnos do Seminario de Mondoñedo programas en Radio Popular de Lugo, na Radio Galega e na Cadena Ser. Desde 1980 a 1988 foi correspondente en Mondoñedo de El Ideal Gallego, de Radio Popular e da Axencia EFE. Pronunciou conferencias sobre varios temas relacionados coa cultura galega e coa liturxia en galego -da que é máximo defensor-, en Mondoñedo, Vilalba, Foz, Viveiro, Ribadeo, Castro de Rei, etc…

 Outros datos de interese

O día 30 de outubro de 1999 foille tributado en Mondoñedo unha homenaxe popular en agradecemento ó seu labor ó fronte do Seminario mindoniense.