Por cambio de destino do seu pai militar, sarxento de artillaría, pasaron a vivir a Axdir, no Rif. De aí o pseudónimo arábigo-galaico de Alí ben Omar. En 1933 viñeron para A Coruña. Os nenos cos que xogaba dicíanlle "morito" ao non entenderen algunha expresión que traía dos seus xogos en chelha cos cativos da súa primeira infancia marroquí.
En 1936, o seu pai vai preso durante catro anos longos por non se ter pregado á rebelión militar. Para aforrar na súa casa unha boca a manter, foi vivir cos seus avós paternos a Guitiriz. Este traslado púxoo en contacto permanente co idioma galego e con todo o positivo que iso representou ao longo do seu vivir. Cando o seu pai sae da prisión regresa á Coruña. Inicia o bacharelato en 1940 e finalízao en 1947. En 1948, polo "Plan de Bachilleres" titulouse mestre de primeira ensinanza, aínda que non exerceu porque resultaba máis rendíbel dar clases de axuda a domicilio a estudantes de secundaria.
Causas alleas á súa vontade obrigáronos a emigrar: a atadura do seu pai á "lei de responsabilidades políticas", extensíbel a todo o núcleo familiar, daba pé a que lle negaran o dereito a facer un servizo militar máis cómodo na milicia universitaria porque o que non é adicto ó réxime non é español. Ou, ante a tentativa de recurso da sentencia de seu pai, emigrado na Arxentina dende 1951 –a súa irmá máis vella iniciara o éxodo familiar en 1948-, escoitar caladiño que se non fora traidor á patria non tería que fuxir. Este abuso de poder nutriu a súa determinación de continuar o camiño iniciado pola familia. A súa noiva, Arxentina de nome, concordaba coa súa decisión. Embarcou o martes trece de xuño de 1953, en Vigo, e o venres 30, estaba en Bos Aires. O resto da familia consumou o camiño cara á liberdade: nai e irmá máis nova, 1954; esposa, o 24 de agosto de 1955. O seu pai, coa recuperación da democracia viu, desde a emigración, validos os seus dereitos e méritos militares co ascenso a comandante.
Na Coruña dera inicio, ao que ía ser o destino elixido por el cara a Galiza. A revista ADEMAR publicou os meus primeiros tres artigos: Castellano y gallego oriundos del latín, Galicia en la Independencia e Cachamuíña.
En Bos Aires parou nunha pensión coñecida na colectividade como A casa da troia por ser a maioría coruñeses. Alí naceu o coro Brétemas e Raiolas, remedo do homónimo da Coruña, do que foi o primeiro presidente; tamén primeiro presidente cofundador de Mocedades galeguistas que, segundo "Espiral", nº 10, maio-xuño de 1984, "as M. G. (Moreda, Neira Vilas, Santamarina e Calros Abaira) radicalízanse tendo como centro a Castelao"; presidente, en tres exercicios continuos, do Centro provincial coruñés; presidente en dous períodos societarios do Ateneo Curros Enríquez, da Federación de Sociedades Galegas, á vez que profesor de galego, nesta entidade nai, nos cursos 1978, 1979; vocal da comisión directiva de Amigos do Idioma, secretario de relacións intersocietarias na Juventud democrática ibérica e articulista do seu voceiro Nueva generación española; membro de A.G.U.E.A. creada polo chamado "grupo intelectual español" residente en Bs. As.; secretario de relacións da Xunta coordinadora democrática galega a prol da pre-autonomía de Galiza e representante da mesma perante a Junta coordinadora democrática establecida no Centro republicano español a raíz da morte de Franco o 20 de novembro de 1975.
Correspondente de EFE en Bos Aires para La Región 'internacional', edición América; colaborador en xornais e voceiros da colectividade galega: Montevideo, Suplemento gallego de 'El diario español, revista Finisterre do Centro Coruñés; Río de Janeiro Boletín da Casa de Galicia; Bos Aires, Mundo Gallego, Correo de Galicia, Galicia, portavoz da F. de S. G. no espazo propio 'O castro de Breogán', Lugo do Centro Lucense, revista Orzán do Centro Coruñés, revista Brétemas e Raiolas da que foi director, Adiante voceiro de M. G., Opinión Gallega do Centro Ourensán, revista Galicia Emigrante -na que deixou de colaborar a causa dunha censura inconsulta no artigo Don Quijote-, El Ideal Gallego coruñés con 'noticias de Buenos Aires'; "La Voz de Nueva Pompeya", voceiro da Sociedade de Fomento do barrio homónimo onde residiu 5 anos. Colaborador estábel "na evocación" de relatos con enlace histórico entre feitos que teñan Galiza e Bos Aires de coprotagonistas, v. g. Prisciliano, sepultado en Compostela, mailo seu abnegado defensor, san Martín de Tours, patrono da capital arxentina.
O labor cultural máis satisfactorio foi o dos sete anos de profesor de galego -ortografía histórica- 1º e mais 2º elementais baixo auspicio Centro Galego de Bos Aires cunha afluencia próxima a cen alumnos por curso.
Publicou en Bs. As. "Para unha terra apremida" cualificado por Méndez Ferrín en "De Pondal a Novoneyra" como un dos iniciadores da poesía socialrealista galega. Dous novos libros de poemas teñen aprobada a súa edición polo I.A.C.G. do C.G. de Bs. As. desde 1979, Galiza estrela, e 1981, Trisquele, este con prólogo de Ramón Piñeiro. A falta de presuposto non permite que vexan a luz. En 'Ediciós do Castro' publicou O gatiño da 'miss' e outros contos. Traduciu ao crioulo arxentino, co título de 'Cristiano Muerto', "Nos pagos de Huinca-Loo", de Xavier Alcalá. Agardando editorial están: Aporte galega ao fenómeno gaucho e mais un libro de poemas que confesa o seu pesimismo no porvir da nosa Terra.
No Facho viu o retrato da Galiza Ideal. En 1983 AGAL noméano 'membro de honra polo seu extraordinario labor en Buenos Aires'. A asociación Xermolos actualizou o recordo daquel seu Guitiriz coa oferta do seu boletín e coa honra de ser pregoeiro dos encontros en 1988. Volveu colaborar no Ideal Gallego co inserto 'Sol e Lúa' do suplemento "Cataventos". Como cofundador e secretario de relacións dun efémero Centro Argentino, deu unha charla sobre El tango, ese desconocido, con ilustracións musicais, a salón cheo. En 1998 convidouno o centro galego de Andorra á conmemoración do "Día das Letras" onde leu un tema titulado Xograres medievais galaico-portugueses.