Emilio Xosé Insua López


Categoría: Profesor e escritor
Data de Nacemento: 1967
Lugar de Nacemento: Viveiro, Lugo
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

É doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago (coa tese Antón Villar Ponte. Vida, obra, traxectoria cívica e pensamento, elaborada baixo a dirección de Elías Torres Feijó e cualificada cun ”apto cum laude”) e profesor de Lingua e Literatura no IES “A Basella”, de Vilanova de Arousa. Forma parte do consello de redacción da revista Cerna, editada por ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia). Foi socio fundador e membro da Comisión Permanente da "Mesa pola Normalización Lingüística" (período 2001-2002), membro do consello da editora "Letras de Cal" (Santiago 1997-2002) e formou parte do xurado da 2ª edición do premio “Fiz Vergara Vilariño (Asociación Cultural Ergueitos, Concello de Sarria) e da 5ª edición do “Prados Ledesma” (Concello de Viveiro). Foi co-redactor do Catálogo de cruces e cruceiros da Terra de Viveiro, elaborado polo “Seminario de Estudos Terra de Viveiro”, entidade da que é membro fundador e directivo.

 Obras realizadas

Colabora con relativa frecuencia cos semanarios Heraldo de Viveiro, La Voz de Ortigueira e A Nosa Terra. Como poeta, ademais de colaborar en diversos volumes colectivos e de participar en numerosos recitais por toda Galicia, publicou o libro Devalar das esperas (Espiral Maior, 1995) e resultou gañador da IVª edición do Premio de Poesía “Prados Ledesma” do Concello de Viveiro (2002), co poemario Acontece ás veces a ternura, (no prelo). É autor da edición da peza Os evanxeos da risa absoluta de Antón Villar Ponte e do fascículo correspondente (O teatro das Irmandades da Fala, número 20) para a "Historia da Literatura Galega" editada conxuntamente pola ASPG (Asociación Sócio-Pedagóxica Galega) e Edicións "A Nosa Terra" (1996-1998). Seu é o prólogo do poemario Cantos da Seiva, de Xesús Pereiras (Espiral Maior, A Coruña, 2002). A Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado da Universidade da Coruña publicou en setembro de 1998, con introducción, edición e notas súas, as pezas Entre dous abismos e Nouturnio de medo e morte, ambas de Antón Villar Ponte. En Outubro de 2002 preparou e introduciu a edición de dúas pezas de Antón Villar Ponte para a “Biblioteca 120” do xornal La Voz de Galicia: A patria do labrego e Almas mortas. No libro colectivo de homenaxe a Manuel María editado en 2001 pola A. C. Xermolos de Guitiriz figura o seu traballo Achegamento á poesía de Manuel María desde a perspectiva ecoloxista. É coautor, xunto con Millán Otero, Carlos L. Bernárdez, Rei Romeu e Laura Tato da monografía Literatura Galega. Século XX (Ed. “A Nosa Terra”, Vigo, 2001). Participou ademais como relator en diversos simposios, congresos e xornadas relacionadas coa lingua e a literatura galega. É coautor de manuais de Lingua e Literatura Galega, para 1º e 2º de Bacharelato, editados polo Consorcio Editorial Galego no curso 2003-2004.

 Outros datos de interese

En decembro de 1996 obtivo un Accésit no Primeiro Certame de Investigación "Irmandiños" convocado pola A. C. "Castelo de Moeche", por un traballo titulado Prensa nacionalista ferrolá: o boletín rexionalista "Galicia". En colaboración con Carlos Nuevo Cal gañou a 17ª edición do premio “Ánxel Fole” (2002), convocado polo diario lugués El Progreso e a Fundación Caixa Galicia, por un traballo titulado O primeiro Antón Villar Ponte. Achegamento ao período de formación do fundador das Irmandades da Fala (1881-1908)