Eduardo Alonso Rodríguez


Categoría: Autor, adaptador e director teatral
Data de Nacemento: 28 de maio 1948
Lugar de Nacemento: Vigo (Pontevedra)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

É enxeñeiro técnico naval pola Escola de Enxeñeiros Técnicos de Ferrol, licenciado en Ciencias da Imaxe e licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Cursou estudos de Arquitectura na Escola Superior de Sevilla e de Arte Dramática na Escola Superior de Córdoba. Comezou a súa actividade teatral en 1965, sendo cofundador das compañías teatrais: "Teatro Zoo" de Madrid (1970-1977), "Teatro Andrómena" de Santiago de Compostela (1979), "Teatro do Estaribel, Cooperativa Teatral Galega" (1980-1981), da produtora de cine, vídeo e teatro "Produccións do Noroeste" (1986-1991), e da compañía de teatro "Teatro do Noroeste" (1991). En 1984 elaborou, a instancias da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, un proxecto de Centro Dramático para Galicia, sendo posteriormente encargado de levalo á práctica, creándose así o Centro Dramático Galego do que foi primeiro director. En 1985 foi nomeado polo Ministro de Cultura, membro do Consello Nacional de Teatro. En 1987 elabora, encargado pola Consellería de Cultura e Benestar Social, un proxecto de "Instituto Galego das Artes do Espectáculo", organismo para a potenciación en Galicia do cine, o teatro, a danza e as artes audiovisuais. Ten publicados varios traballos teóricos relacionados coas representación teatrais.

 Obras realizadas

Formou parte da comisión técnica que elaboró un proxecto de Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (1998).
Colaborou no libro "Shakespeare and Spain" (2002). Como autor teatral merece destacarse, entre outras, as seguintes obras: "Niños, no hacer trampas" (1968, estreada en 1971), "Mac y Marjorit" (1968, estreada en 1970), "Sin título, sin autor (El poema del niño)" (1969, estreada en 1970), "La Máquina que sabía hacer actores" (Infantil, 1977), "Xan, O Perruzo" (1981, premio do Ministerio de Cultura de 1981 para axuda ós xoves autores), "Atlántico" (escrita en 1982). "O país acuático" (Infantil, 2000), "Alta Comedia" (2001), "As damas de Ferrol " (2002), “Ensaio” (2004) e “Confesión” (2005).
Como adaptador teatral realizou as versións das seguintes obras: "El Principito" de Saint-Exupery (1971), "O enfermo imaxinario" de Molière (en colaboración con Manuel Guede e publicada en 1987 por Edicións Xerais), "Medea" de Eurípides-Séneca-Anouilh (en colaboración con Manuel Guede e publicada en 1988 por Edicións Xerais), "As Alegres Casadas" de William Shakespeare (en colaboración con Manuel Guede e publicada en 1997 por Edicións Xerais), "Rei Lear" de William Shakespeare (en colaboración con Cándido Pazó, premio Compostela na súa edición de 1991 á mellor versión teatral e publicada en 1998 por Edicións Xerais), "Tagen Ata", sobre un relato de Méndez Ferrín (en colaboración con Manuel Guede), "Un soño de verán" de William Shakespeare (en colaboración con Manuel Guede), "As Vodas de Fígaro" de Caron de Beaumarchais (en colaboración con Cándido Pazó e publicada en 1995 por Edicións Xerais), "Noite de Reis" de William Shakespeare (en colaboración con Imma António), “Lisístrata ou de cando as mulleres reviraron”, de Aristófanes (en colaboración con Manuel Guede, 1996), “Feirantes”, (versión escénica dalgúns relatos de Álvaro Cunqueiro recollidos no libro de semblanzas: “Os outros feirantes”, 1999), "A Celestina, comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea", de Fernando de Rojas, (2000) e “A Cacatúa Verde”, de Arthur Schnitzler (en colaboración con Manuel Guede, 2001).
Como iluminador teatral realizou os deseños de iluminación de tódolos espectáculos por el dirixidos e tamén os dos seguintes espectáculos: “Fas e Nefas” de Eduardo Blanco Amor (1999), “A Mostra” de Cándido Pazó (1999), “Xogos a hora da sesta” de Roma Mathieu (2002), “Campo Sur” (2002), “A Comedia do Gurgullo” sobre textos de Plauto (2003), “A Paz do Crepúsculo”, de Itziar Pascual (2003), “As Laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, de Carlos Casares (2004), “García” de Cándido Pazó (2005), “Merda” de Ricardo de Barreiro, Rafael G. García e Xavier Estévez (2005) e “La naturaleza del animal”, de Marcelo Marán (2005).
Como director de teatro realizou unha grande cantidade de montaxes de obras de teatro, entre as que se poden salientar: “Laudamuco, Señor de ningures” (1978), “Lenta Raigame” (1979), “Bailadela da Morte ditosa” (1980), “Celtas sen filtro” (1983), “Os Vellos non deben de namorarse” (1985), “O enfermo imaxinario” (1986), “Xogos de damas” (1987), “Medea” (1987), “O Coronel ten a quen lle escribir” (1988), “Galicia, S.L.” (1988), “De par en par” (1989), “As Alegres Casadas” (1989, premio Compostela na súa edición de 1.990 ó mellor espectáculo teatral), “Rei Lear” (1990), “Tagen Ata” (1990), ”Os Xustos” (1991), “Un soño de Verán” (1992), “Galileo Galilei” (1993), “A vía láctea” (1993), “As vodas de Fígaro” (1994), “Historias Peregrinas” (1995), “Noite de Reis” (1996), “Unha rosa é unha rosa, unha comedia de medo” (1997), “El embrujado” (1998), “A Celestina, comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea” (2000), “A Cacatúa verde” (2001), “As damas de Ferrol” (2002) e “Ensaio” (2004).

 Outros datos de interese

En 1984 recibiu o premio "I Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia" polo seu labor especial a prol do teatro galego. Recibiu o Premio Compostela na súa edición de 1992 á mellor iluminación teatral polo espectáculo teatral “Os Sustos” de Albert Camus e o Premio María Casares, na súa edición de 1997 á mellor iluminación teatral polo espectáculo teatral “Noite de Reis” de William Shakespeare. O espectáculo “Bailadela da Morte ditosa” obtivo unha mención honorífica con categoría de premio nos Premios da Crítica Galega na súa edición de 1981.