Foi a figura máis importante do Barroco galego da última metade do século XVII. Estudiou Artes en Santiago de Compostela.
Iniciou, en 1681, un baldaquino para o altar da Capela do Santo Cristo da catedral de Ourense. Ese mesmo ano realizou un retablo para a Capela Maior da igrexa das monxas de Santa María a Nova (Lugo). Comezou a traballar na catedral de Santiago en 1662 nas obras do Tabernáculo da basílica compostelá baixo a dirección de José de la Vega y Verdugo, ó que sucedeu en 1676. Ademais de remata-lo Tabernáculo da catedral de Santiago de Compostela, realizou os altares do convento de Santa Clara e do de Santo Domingo. A súa obra máis importante foi a Torre do Reloxo da catedral de Santiago, que serviu de modelo a outras torres eclesiásticas galegas. Algunhas das súas obras foron acabadas por Casas y Novoa, por exemplo: a Capela do Pilar da basílica compostelá e a Casa da Conga. As súas obras máis importantes no ámbito civil son: a Casa das Pomas, a Casa da Parra e da Conga, a Hospedería do Colexio de Fonseca e a Casa da Carnicería. Como escultor funerario, atribúenselle dous sepulcros que hai na Obra Pía de Melide: un de Mateo Segado Bugucero, arcebispo de México e outro de Antonio Varela de Segade. En Lugo realizou a sancristía e a sala capitular da catedral de Lugo.