Ós 10 anos comeza a súa afección pola música, xa se distinguía pola súa interpretación con frauta de pico. Pouco máis tarde comeza os seus primeiros estudios de Frauta de Pico, Traveseira e Piano no Conservatorio de Madrid e paralelamente no ámbito particular desenvolve os mesmos estudios na Academia "Clara" co concertista italiano "Juan Onetto". En Madrid forma parte de varios grupos musicais, entre os que destaca "Los chicos de la Turba", onde toca a frauta traveseira. En 1979 traslada a súa residencia a Galicia por motivos familiares, esto fai nacer nel unha nova paixón "a gaita galega", e neste ano comeza os estudios desta técnica e forma parte de grupos folk galegos como "Fiandón" de Lugo, co que consegue o "1º premio da Cantareliña". En 1983 forma parte dun trío tradicional acústico chamado "Los 3 de Galicia", con repertorio tradicional e popular, levando a súa música por múltiples pobos de Galicia. En 1985, e continuando os seus estudios, pasa a formar parte do grupo "Taranis" de Lugo, grupo folk patrocinado pola Deputación. Nel toca como solista a frauta traveseira, gaitas de distintas afinacións, Tin Whistles, punteiros e frautas de pico. En 1989 gravan un LP nos estudios "Sonoland" de Madrid. En 1991 forma parte doutro grupo lucense de folk "Brath", co que grava o LP Lembranza da Auga en Lisboa (Portugal). A súa actividade artística está alternada cos seus estudios profesionais e acaba a carreira superior de Frauta Clásica no Conservatorio Superior de Música de Santiago, co que consegue o título de Profesor Superior de Frauta Traveseira. Desde 1989 desenvolve actividades musicais variadas, dando a coñece-lo folclore galego por medio de asociacións culturais das que foi membro fundador como "Espalladoira" e "Zuncurrundullo". Dirixe tamén o grupo tradicional de gaitas "As Mariñas" de Cambre (A Coruña). A súa paixón pola gaita lévao a fomenta-las bandas de gaitas, fundamentalmente a través da "Liga Galega de Bandas de Gaitas", con máis de 125 bandas asistentes.
Dedica a maior parte do seu tempo á composición e ó arranxo de cancións para o panorama gaiteiro galego, sacadas na súa maior parte dos cancioneiros galegos máis importantes, como por exemplo: Eduardo M. Torner, Jesús Bal y Gay, Antón Santamaría, Casto Sampedro, Manuel Rico Verea, etc. Alterna esta afección coa de concertista, principalmente concertos didácticos e entre os que se encontran: "Sonatas para Flauta y Clave de Bach", "Suite en Si Menor para flauta y cuerda de Bach", "Concierto en Mi Menor de Mercadante", "Sonata de Paulenc", etc. Desde 1977 é profesor nos Conservatorios de Música de Vigo, A Coruña e Ourense, onde imparte clases de frauta traveseira, Música de Cámara e Orquestra. Desde entón segue con seu labor de compositor, sobre todo de temas para bandas de gaitas, seleccionando temas de música clásica e bandas sonoras de películas. As súas composicións son as seguintes: A noite da Mar, Vals en Coruña, De Turriff a Fisterra, Jota Zuncurrundullo, A Travesía dos Druídas, Muiñeira de Castroverde, Muiñeira y Jota de Baleira, O Reencontro, A Esmorga, A Fonte Encantada, Alalá das Montañas, O Castelo da Pena da Volta, Alborada en Castroverde, Alborada en Vidueiros, Resplador e De Madrugada.
Actualmente, é o director de Zuncurrundullo e o vicepresidente da Asociación Cultural "Zuncurrundullo".