Ós sete anos trasladouse a Ourense e ós 14 a Barcelona, onde comezou a súa andadura profesional no mundo da hostalaría. Casado e con tres fillos completamente integrados na empresa familiar, actualmente atópase nun momento de proxección no futuro. Membro das principais asociacións hostaleiras, a súa máxima sempre foi defender o galego no exterior. Cándido Iglesias preside e dirixe neste momento cinco empresas: ‘Candigles’, ‘Rías de Galicia S.A.’, ‘Hostelería Fogo S.L.’, ‘Marisqueiro Panduriño S.L.’ e ‘Guizamba: Sociedad de Inversiones Inmobiliarias’. Tres delas pertencen ó sector da restauración. A máis antiga, “Marisqueiro Panduriño”, creouse nos anos 70 e en pouco tempo consagrouse coma un dos restaurantes galegos de éxito en Barcelona. Cándido Iglesias e a súa esposa, Purificación Fernández, apostaron en 1986 pola creación de “Rías de Galicia”, actualmente unha das mariscarías máis visitadas da cidade, con abundantes premios e galardóns no seu palmarés. Por último, en 1992 abriu as súas portas “Brasería Cañota”, que seguindo a mesma liña de calidade que os anteriores, supuxo a ampliación da oferta gastronómica de Cándido Iglesias. A creación do Holding CANDIGLES é a súa aposta polo futuro, con novos proxectos que a familia Iglesias emprende con ilusión e co aval de 48 anos de experiencia neste sector que fixeron que os obxectivos ata agora fixados sexan unha realidade.
É membro de “Amigos de la Cocina Gallega”; Premio Nacional de Gastronomía (1987); Medalla de Prata (1996) (Xunta de Galicia); Óscar á Popularidade (1988); presidente da Enxebre Xuntanza do Percebe, organizadora da “Gran Noche de Galicia en Barcelona” (ata 1999); Colar da Chaîne des Rostisieres; Prato de Ouro (1988 e 1989); Colar de Ouro (1989); Gran Colar da Gastronomía Internacional; Colar da Encomenda Nacional de Gastronomía en Portugal; Medalla ó Mérito Turístico da Xunta de Galicia (1989); membro Fundador de “Marisqueiros Reunidos, S.A., MAREUSA”; Cabaleiro da Orde de San Miguel das Viñas; membro profesional Magister da Asociación Maxistral de Gastronomía; Cigala de Prata (1993); Membro de “Grup 25” (Barcelona); Centolo de Ouro “O Grove” (1994); presidente de AEGACA, (Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña e Andorra, de 1993 a 2000); presidente da FEGAEX, (Federación de Empresarios Galegos no Exterior, de 1995 a 1998); “Membre Gourmet desgustateur”; Premio ó mellor Restaurante Galego no Exterior (Xunta de Galicia, TVG, 1996); Alvariñense de Honra de Cambados (1996); master da Cociña “Trofeo de Pesca” (Madrid ,1997); cabaleiro da “Orde de Cabaleiros e Damas” do Camiño de Santiago (1998); Tenedor de Ouro “El Periódico” (1998); medalla ó Mérito Profesional (1998); membro de “Restaurantes de la Buena Mesa” (1999); membro da “Enxebre Orden da Vieira”; cabaleiro da Lua Rivababia (1999) e Gran Colar de Ouro –Radio Turismo- (2000).