Antonio López Ferreiro


Pseudónimo:'K' nas novelas O Castelo de Pambre e O Niño de Pombas
Categoría: Coengo da catedral de Compostela, historiador, arqueólogo e novelista.
Data de Nacemento: 9 de novembro de 1837 (†20 de marzo de 1910)
Lugar de Nacemento: Santiago (A Coruña)
 Currículum

Estudia Bacharelato en Santiago. Posteriormente estudia Latín e Filosofía no Seminario e continúa na Universidade estudios de Teoloxía, Hebreo e Dereito Canónico. Ó remata-los seus estudios marcha a Madrid e matricúlase na Escola Superior de Diplomática, onde transcribe documentos galegos do Arquivo Histórico Nacional e estudia Latín Medieval, Paleografía, Xeografía, Numismática, Historia Medieval, Bibliografía, etc. En 1865 consegue o título de arquiveiro bibliotecario. A partir de 1871 a súa vida xa transcorre definitivamente en Santiago, onde desenvolve o seu labor investigador e toda a súa obra. Foi socio da Real Academia da Historia, académico da Real Academia de Buenas Letras de Barcelona, membro da Asociación Artístico Arqueolóxica de Barcelona e en 1905 entrou como académico de número na Real Academia Gallega.

 Obras realizadas

Ademais de numerosos artigos e documentos publicados en diversos periódicos e revistas compostelaáns como El Porvenir, Revista Compostelana de Instrucción y Recreo, El Libredón, Boletín Oficial del Arzobispado, Galicia Católica, El Pensamiento Gallego, Galicia Diplomática e Galicia Histórica, hai que destaca-lo seu importante labor como historiador, novelista e arqueólogo. Como historiador destaca principalmente pola creación da revista de historia de Galicia titulada Galicia Histórica (1901-1903), onde quixo publicar estudios históricos, fontes, bibliografía e crónicas de Galicia. Neste campo publicou, ademais, Estudio histórico crítico sobre el Priscilianismo (1878), Galicia en el último tercio del siglo XV (1883-1885), Fueros municipales de Santiago y su tierra (1895), Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela, La Historia de Compostela y su reprobación crítica por Masdeu (1866), Leyenda sobre la vida de San Pedro de Mezonzo (1872), El Sepulcro del apóstol Santiago (1872), Don Rodrigo de Luna (1884), El Pórtico de las Platerías (1884), Don Alfonso VII, rey de Galicia, y su ayo el conde de Traba (1884), El Pórtico de la Gloria (1886), Liber Tenencie de Horro e Memorial de Hacienda, rentas, pensiones de la antigua Tenencia del Hórreo, escrito en el año 1438 por el Canónigo Gonzalo Vázquez de Mandayo, Altar y Cripta del Apóstol (1891), Santiago y la crítica moderna (1901). Como novelista escribiu en galego A Tecedeira de Bonaval (1894), O Castelo de Pambre (1905), O Niño de Pombas (1905). Con estas novelas é considerado como o iniciador da novela romántica de corte histórico en galego. Son novelas de corte tradicional, divididas en capítulos. O relato está feito en terceira persoa, coa visión tradicional do narrador omnisciente. No campo da arqueoloxía destacou polas súas investigacións arqueolóxicas na catedral. Destacou principalmente a súa obra Lecciones de Arqueología Sagrada (1889). Tamén foi relevante o seu labor como presidente da Sección Arqueolóxica da gran Exposición Rexional, celebrada en Santiago en 1900.

 Outros datos de interese

A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas en 1978.