Pasa a infancia e a adolescencia na cidade de Lugo, onde se inicia na maxia, e comeza estudios de Psicoloxía en Santiago que abandona en 1977 para dedicarse profesionalmente á maxia e á ventriloquia. En 1979 obtén unha mención especial nos Premios da Crítica de Galicia polo seu personaxe Facundo. Por esta mesma época entra en contacto coa escola máxica de Madrid e realiza centos de actuacións en Galicia, Madrid, Cataluña, Euskadi, Portugal, Bélxica, Holanda, etc. Participa en importantes congresos Internacionais de Maxia e sorprende cos seus xogos orixinais. Dado o éxito que obtén nestas presentacións, comeza a comercializar as súas creacións baixo o selo Os xogos do raposo. Nos anos oitenta o Mago Antón produce grandes espectáculos ó aire libre, destacando entre eles Merlín e Familia. Crea a empresa Produccións Máxicas e unha nova versión de Merlín e Familia que se presenta en xira por toda Galicia nunha carpa con capacidade para 1.500 espectadores. Desde esta carpa , en 1990, grava para TVG un programa especial de maxia. En 1989 é nomeado Lucense do Ano pola Asociación de Prensa, Radio e TV de Lugo.
Con motivo do Xacobeo 93, co patrocinio do Consorcio da Cidade de Santiago, o Mago Antón crea o seu proxecto máis ambicioso, Vía Láctea, un espectáculo multimedia (teatro, cine, maxia, música...) que se representa durante meses en Santiago e despois nas cidade máis importantes de Galicia e remata a súa xira en Pamplona e Madrid. En 1995 nace da iniciativa do Mago Antón a empresa Creacións Máxicas, que pon a andar un vehículo especialmente deseñado para espectáculos de maxia de cerca, con capacidade para 70 espectadores: o Magomóbil. Neste escenario percorrerá Galicia con cinco espectáculos de maxia de cerca, entre eles Insólito por ANTONomaxia e O romance do conde de Cagliostro, este último coincidindo co Xacobeo 99. Paralelamente, o Mago Antón non deixa de concibir e levar adiante novos espectáculos de grandes ilusións como foron Fugas e soños, posto a andar no ano 1996, ó tempo que en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia desenvolvía un proxecto de maxia e didáctica musical para escolares que se chamou En clave de maxia. Para o cambio de século o Mago Antón recupera o personaxe dos seus inicios, Facundo, e sérvese del para montar un novo espectáculo de grandes efectos máxicos que é, ó mesmo tempo, un percorrido pola historia da maxia e pola historia da humanidade: 2001 ilusións. O ano 2002 coincide co lanzamento mundial da tenda virtual magoantón.com. As tendas de maxia máis prestixiosas do mundo comercializan os xogos creados polo mago galego. A Fundación Premios da Crítica de Galicia outórgalle no ano 2003 o galardón de “Galego egrexio” en recoñecemento ó seu labor de promoción da lingua e da cultura de Galicia no mundo do espectáculo. Ese mesmo ano, dende o Colectivo Máxico Waldemar de Lugo, do que forma parte, e en colaboración co Concello de Lugo, organiza con grande éxito o I Festival Internacional de Maxia de Lugo. No ano 2004 presenta os espectáculos “10 magos no pais das marabillas” e “Festivais de maxia no camiño”, dúas producións que tentan achegar os magos galegos o público de Galicia . Na actualidade está a traballar en varios proxectos para a televisión de Galicia e na producción de dous espectáculos que se chaman “Armas baixo control” para Amnistía Internacional e “Unha provincia por arte de maxia ” para a Deputación da Coruña.