É licenciado en Matemáticas (Estatística e Investigación Operativa), diplomado en Dirección Económica e Administrativa de Hospitais pola Escola de Alta Dirección e Administración de Barcelona, arbitro da Federación Internacional de Balonmán, preparador provincial e territorial de balonmán e diplomado en Medicina e Ciencias do Deporte polo Comité Olímpico Español e a Federación de Medicina Deportiva. De 1988 a 1990, ocupou o posto de director de Xestión e Servicios Xerais do Complexo Hospitalario Cristal-Piñor do INSALUD en Ourense. Desde xullo de 1990 é director de Xestión e Servicios Xerais do Complexo Hospitalario Xeral-Calde do SERGAS en Lugo. Foi xogador de balonmán, chegando a actuar en Primeira División, sendo elixido mellor xogador lucense en categoría xuvenil. Foi árbitro de División de Honra de Balonmán desde 1988, internacional "B" desde 1989 e árbitro da Federación Internacional de Balonmán desde 1994.
Asistiu como anotador-cronometrador ó Campionato do Mundo Júnior (Galicia, 1989) e á Olimpíada de Barcelona (1992). Como árbitro asistiu ós Campionatos de Europa Júnior de Polonia (1985), Francia (2000), ós Campionatos do Mundo Júnior de Costa de Marfil (1997), China (1999) e ó Campionato do Mundo Feminino de Alemaña (1997). Dirixiu partidos internacionais de balonmán en 17 países.
Foi galardoado coa Medalla ó Mérito da Federación Galega de Balonmán (1996), co premio anual da mesma nos anos 1989 e 1995 e coa medalla de prata ó Mérito Deportivo da Real Federación Española de Balonmán (1993). Está casado e ten dous fillos.