Cursou 6 anos na Universidade Pontificia Compostelá, Maxisterio en Santiago, 2 cursos de Comercio en Lugo e Xerente de Cooperativas en Zaragoza. Afiliado ás "Mocedades Galeguistas", toma parte na propaganda do Estatuto de Autonomía de 1936. Agrarista e cooperativista, colabora coas sociedades agrarias barcalesas. En 1946, é bolsado á Misión Biolóxica de Galicia para prepararse para dirixi-la Escola Agrícola da Granxa Barreiros de Ortoá (Sarria) que comezou o 1 de xaneiro de 1948. De alí xorden os Cursos Agropecuarios para mestres rurais que se celebraron en Lugo desde 1948 ata 1971 (ano en que faleceu Antonio Fernández López, que era quen os financiaba).
Marchou a Orotava (Tenerife) en 1955 e alí traballou de mestre e Técnico Agrícola do Laboratorio do Cabido Insular. Regresa a Galicia en 1960 para traballar como técnico de SEMISA, empresa productora de semente. En 1960 marcha a Zaragoza, onde dirixe a empresa gandeira AIVESA. Regresa a Galicia en 1970, ó grupo escolar de Pontecesures, onde exerce ata a súa xubilación en xaneiro de 1983. Foi tamén secretario do Pedrón de Ouro e presidente da Fundación Castelao.
Foi colaborador de "La Voz de Barcala", órgano da Federación Agropecuaria do Distrito de Negreira (anos 30). Publicou centos de artigos en xornais e revistas sobre temas agrarios e cooperativos ademais doutros temas tamén políticos. Publicou os seguintes libros: Temas de Agricultura (Lugo, 1951); Cooperativa de Explotación comunitaria para unha parroquia rural (Galaxia, 1968)¸ ¿Valen ou non as cooperativas comunitarias para o campo galego? (Galaxia, 1971), Reforma das Estructuras Agrarias de Galicia (1972); A Escola Agrícola de Granxa Barreiros (Edicións do Castro, 1988); Conversas con Avelino Pousa Antelo. Memorias dun galego inconformista (autor Amancio Liñares Giraut. Edicións do Castro, 1991) e Galicia, tarefa urxente (Sotelo Blanco, 1992).
Foi secretario xeral e presidente do Partido Galeguista desde 1978 ata 1983.