Adrián Vigo é un músico de Baamonde, que dende ben cativo vén formándose e exercendo no eido da composición e a interpretación.
Sempre atopou grandes dificultades para recibir esta formación. Adrián padece unha discapacidade física do 80% que, entre outras eivas, afecta ás súas mans e á súa vista, dificultando o seu ensino, e mesmo a súa admisión en conservatorios e escolas.
En 2008 atopa ó mestre David Taboada e con el comeza un longo percorrido de aprendizaxe centrado na súa paixón: a composición.
Os froitos fóronse vendo en pequenas actuacións con temas propios en diversas galas e cristalizaron en 2015 coa saída do seu primeiro disco: “Profunda amistad”, un disco gravado artesanalmente sen máis músicos que os propios Adrián e David. Este disco, pese a la humildade coa que naceu, levounos a facer nestes tres anos máis de 100 concertos e a vender máis de mil copias.
Coa bagaxe da experiencia adquirida e a confianza que dá tal acollida do primeiro disco, lánzanse á aventura de crear un segundo disco a outro nivel. Buscando un son totalmente profesional contan co produtor Xabier Vizcaíno e cos arranxos do propio David Taboada para así dar a luz “Reflejos”, disco co que, pese a ser o segundo, en realidade, empeza todo.
Toda carreira musical é difícil, dende logo, pero esta en concreto é unha carreira de obstáculos.
Adrián co tempo converteuse nun gran músico, un compositor de gran rexistro e un cantante con moitas táboas. Pero o que sempre foi, dende o comezo, é un tremendo loitador. Non hai unha fórmula para o éxito, pero o traballo é o camiño.
Adrián presenta o seu segundo disco en 2018, baixo o título de “Reflejos”, e nel reúne 12 cancións vestidas coas mellores galas.
Se ben o primeiro disco era unha gravación artesanal e mimada, en “Reflejos” vemos un compositor maduro cunha produción de primeiro nivel.
Atopámonos cunha variedade musical difícil de ver nestes tempos: dende o pop máis comercial ata os sons latinos, coqueteando polo camiño coa canción galega, o rock, ou a música de raíz... sen perder a esencia baladística. As letras devólvennos ó romanticismo da Nova Canción francesa ou italiana, pero tamén hai momentos introspectivos sobre a amizade, a superación persoal ou o amor á terriña.
Gravado nos estudios A Palleira (O Incio, Lugo) baixo a produción de Xabier Vizcaíno e David Taboada, “Reflejos” será presentado nunha xira que inclúe as 7 grandes cidades galegas, para logo aventurarse alén de Pedrafita.