Abel Fermín Losada Álvarez


Categoría: Profesor e economista
Data de Nacemento: 2 de xuño de 1964
Lugar de Nacemento: Ourense
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

É doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor titular de Historia e Institucións Económicas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo. Desde outubro de 2000 é membro da Comisión Executiva Nacional do P.S.de G.-PSOE. Foi deputado no Parlamento de Galicia entre xuño de 2005 e abril de 2008, concelleiro no Concello de Vigo entre novembro de 2006 e maio de 2007 e director xeral do Gabinete da Presidencia da Xunta de Galicia entre abril de 2008 e xaneiro de 2009.

 Obras realizadas

Especialista en Historia Empresarial, Demografía e Economía da Poboación, ten publicadas as monografías As relacións económicas entre Galicia e os países de destino da emigración (1995) e Cuba. Población y economía entre la independencia y la revolución (1999) e foi co-editor de Galicia-América. Unha contribución bibliográfica (1992) e Base bibliográfica da emigración galega (1997). No eido da historia empresarial colaborou nos traballos colectivos: Los 100 empresarios españoles del siglo XX (2000) e Grandes empresas. Grandes historias de Galicia (2000). Os seus traballos publicáronse en diferentes revistas nacionais e internacionais, como "Revista de Historia Económica" (1989), "Estudios Migratorios Latinoamericanos" (1992), "Cuban Studies" (1995), "Estudios Migratorios" (1995 e 1997), "Boletín de la Asociación de Demografía Histórica" (1997 e 1999), "Estudios Ibero-Americanos" (1998 e 2000), "Historia Contemporánea" (1999) e "Cahiers de Demographie Historique" (2000). Ten participado en numerosos congresos, tanto nacionais como internacionais, celebrados en distintas universidades españolas e estranxeiras, como Suecia, Francia, Italia, Polonia, EE.UU., México, Arxentina e Cuba.

 Outros datos de interese

É membro do consello de dirección da Asociación de Demografía Histórica, editor de "Migratio. Revista de Población y Migraciones", membro do Consello Científico de Estudios Migratorios e do Consello Asesor do Boletín da Asociación de Demografía Histórica. É, tamén, subdirector do Centro de Estudios de Poboación e Análise das Migracións (CEPAM). Formou parte da dirección do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, e foi editor da revista "Estudios Migratorios" (1995-1999). Ten participado en numerosos proxectos de investigación, financiados por organismos públicos e privados (Ministerio de Educación, Xunta de Galicia, Consello da Cultura Galega, Fundación Pro-Vigo e Fundación Caixa Galicia). Tamén formou parte do equipo técnico do Boletín do Observatorio Socio-Económico de Vigo e a súa área de influencia (1995-1999). Foi relator e membro do relatorio de "Dinámica Social" no proxecto Galicia 2010. Participou no relatorio "Os galegos do século XXI" dentro do "Foro Iniciativas 21", foi o coordenador docente do Máster en Poboación e Migracións e o Coordenador da lista de discusión na Rede Académica IRIS do CSIC, AHM (Análises e Historia das Migracións).