Xulio Pardo de Neyra


Data de Nacemento: En 1968
Lugar de Nacemento: Lugo
 Currículum

Actualmente, malia que despois de sufrir unha penosa emigración intelectual tan pouco favorecente para o país, unha emigración que durante seis anos o levou a desenvolver a súa actividade profesional na Estremadura española, aínda que traballando arreo pola literatura, a cultura e a política galegas, é profesor da Universidade da Coruña, unha Universidade marítima, é dicir aberta, e en constante diálogo con calquera tipo de manifestación intelectual. Nesta Universidade intégrase no Departamento de Didácticas Específicas, adscribíndose á Área de Didáctica da Lingua e a Literatura. Licenciado en Filoloxía pola Universidade de Compostela, en 1999 defendeu a súa memoria de licenciatura no Departamento de Filoloxía Galega da referida Universidade, “Ánxel Fole: pazos e nacionalismo”, un groso traballo dirixido por Anxo Tarrío Varela que acadou a máxima cualificación por unanimidade do tribunal que o xulgou. Trátase dun traballo parcialmente publicado por Tórculo Edicións. En 2002 defendeu a súa tese de doutoramento en Filoloxía Galega, tamén dirixida polo devandito profesor no citado departamento e que, así mesmo, mereceu a cualificación de Sobresaliente cum laude por unanimidade. O traballo, titulado “Evaristo Correa Calderón na literatura galega contemporánea. Vangardismo e galeguismo”, foi publicado pola Universidade de Compostela. Ao ano seguinte defendeu a súa segunda tese de doutoramento, esta vez en Historia Contemporánea. O traballo “Tradición e actualidade do heroe cabaleiresco masculino nas lendas familiares galegas. Mito e realidade histórica á vista dos documentos da literatura galega contemporánea”, agora dirixido polo prof. Ramón Villares Paz no Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade compostelá, tamén obtivo a máxima cualificación por unanimidade, vendo a luz tamén mercé ao Servizo de Publicacións da Universidade Compostelá. Desde a adolescencia colaborou coa prensa escrita galega, publicando o seu primeiro libro, unha biografía de Gustavo Freire, en 1988, aínda non cumpridos os vinte anos. En 2008, mais cun selo filolóxico, a editora pontevedresa Dos Acordes deu á luz o texto “Gustavo Freire na Galiza da Época Nós”, onde se recollían parte das teimas de 1988 mais do punto de vista da Filoloxía, a Historia, a Música e a Didáctica galegas. Desde aquel 1988, nunha case imparábel dedicación e entrega, publicou numerosos artigos de investigación e participou en moitos congresos internacionais, así como deu á luz preto dunha trintena de libros, entre os que convén citar “Lugo: Cultura e República”, “Evaristo Correa Calderón”, “Ánxel Fole: Pazos e nacionalismo”, “O labor lírico do ilustrado cura de Fruíme”, “Vanguardia Gallega ou o compromiso xornalístico lucense coa II República Española”, “As orixes da literatura infantil galega”, “Fidalguía e cultura palaciana na Galiza do último milenio”, “Martín de Padrozelos, o primeiro trobador da lírica galego-portuguesa?” e “A introdución do vangardismo na literatura galega”. Pertence ás asociacións: AS-PG, Gálix, a SEDLL, a SELICUP ou a ANILIJ, entre outras.