Xosé Velo Mosquera


Categoría: Político e escritor
Data de Nacemento: 21 de maio de 1916 (†† 21 de maio de 1972)
Lugar de Nacemento: Celanova (Ourense)
 Currículum

Estudiou Filosofía e Letras e dous cursos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Militou activamente na Federación de Mocedades Galeguistas, da que foi elixido secretario xeral na II Asemblea da Federación (1935), compartindo labores de dirección con Celso Emilio Ferreiro. Ó finaliza-la Guerra Civil, a súa actividade política trasladouse á clandestinidade en Vigo, onde abriu un colexio no que impartiu clases de Matemáticas. En 1944 foi detido. Ó saír do cárcere escondeuse durante ano e medio en Celanova (Ourense), saíndo en 1947 cara a Portugal, onde foi detido pola policía política portuguesa, aínda que polas presións internacionais non foi extraditado a España. O presidente de Venezuela entregoulle un pasaporte de urxencia. En 1948 retomou en Caracas a súa actividade docente dirixindo o colexio Orto. Seguiu realizando unha intensa vida política, cultural e asociativa. Participou en "Galeuzca", presidiu o Lar Galego, colaborou en radio, etc. A principios de 1961 exiliouse en Brasil despois de planea-lo secuestro do transatlántico "Santa María". En 1964, abriu en Sao Paulo a librería "Nós", que máis tarde se transformou na editorial "Publicación Galicia Ceibe". Fundou e dirixiu a revista "Paraíso 7 días" da que saíron 5 números.

 Obras realizadas

Como escritor, publicou poemas e artigos en diversas revistas, destacando a súa participación en Cartafol de Poesía (en colaboración con Celso Emilio Ferreiro).