Estudou Filosofía e Letras en Santiago de Compostela e licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca onde foi alumno do profesor don Xosé Luís Pensado, é catedrático xubilado de lingua e literatura española.
Pertence á Real Academia Galega como membro numerario desde o 30 de outubro de 2004, data en que leu o discurso de ingreso A Academia no discurso exílico de Luís Seoane, que foi contestado en nome da institución por don Xesús Alonso Montero. Na Real Academia Galega exerceu os cargos de presidente (do 13 de marzo ao 20 de abril de 2013), secretario (do 23 de xaneiro ao 13 de marzo de 2013) e arquiveiro-bibliotecario (do 17 de decembro de 2005 ao 18 de decembro de 2009).
Publicou numerosos libros entre os que destacan: As coplas galegas do P. Sarmiento, Ediciós do Castro, 1982 (reedición, 2002); Cartas del Padre Sobreira a Gómez de Ortega y Cornide, en colaboración con J. L.Pensado, Ediciós do Castro (1983); Antoloxía da poesía galega erótica e amatoria, Ediciós do Castro (1988); Descripción circunstanciada de la costa de Galicia..., Ediciós do Castro (1991); Manuel Antonio, Poesía galega completa, Sotelo Blanco (1992); A poética de Manuel Antonio, Edicións do Cumio (1993a); Luís Seoane e o libro galego na Arxentina, catálogo da exposición, Deputación da Coruña (1994); Rafael Dieste, Obra galega completa, Galaxia (1995); Rafael Dieste. Ollar o mundo con sede adiviñadora, Espiral Maior Didáctica (1995); Rafael Dieste, Obras Completas V. Epistolario, Ediciós do Castro (1995); E. Fernández Sendón "Fersen". Memoria e antoloxía dun republicano galego, (en colaboración con Uxío Bobillo), Ediciós do Castro (1996); Manuel Antonio, A Nosa Memoria, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela (2000); Manuel Murguía. Vida e obra (en colaboración con X. R. Barreiro Fernández), Xerais, Vigo (2000); Lorenzo Varela, Poesía Completa, Biblioteca del exilio, Ediciós do Castro (2000); Lorenzo Varela, Ensayos, conferencias y otros escritos, Biblioteca del exilio, Ediciós do Castro (2001); Cartas a Murguía I, (en colaboración con X. R. Barreiro Fernández), Fundación Barrié de la Maza (2003) e O exilio galego: un mapa de cicatrices, Ediciós do Castro, Sada (2003)
Do seu abondoso e frutífero labor investigador dan mostra os seus moitos artigos publicados en revistas como Boletín Galego de Literatura, Ínsula, Verba, A Trabe de Ouro, Grila, Zurgai, Citania, Serta...
Información extraída da web da Real Academia Galega: www.realacademiagalega.org