Licenciado en Filosofía e Teoloxía, é unha das principais figuras galegas no terreo do ensaio sobre temas teolóxicos e de antropoloxía social. Impulsor de revistas de pensamento cristián como “Irimia” e “Encrucillada”, publicou milleiros de artigos nestas revistas e no xornal “La Voz de Galicia”. Autor dunha obra extensísima, tense dito que é a persoa que máis leva escrito en galego na historia de Galicia.
Entre os seus libros máis destacados figuran Introducción ao Xénese (1972), Eu renazo galego. Ensaio sobre a identidade galega (1983, Premio da Crítica Galicia), O misterio do lume (1985), Para comprendermos Galicia (1987), O libro da auga (1995), A condición homosexual (1999), O sexo, a muller e o crego (2000), O relato hebraico (2001), O demo meridiano (Xerais, 2004) e os oito volumes que compoñen a súa eséxese bíblica Historia do Pobo de Xesús (1980-2000), publicados en Edicións do Castro. Daniel López Muñoz preparou o libro Conversa con Xosé Chao (Xerais, 2002), percorrido biográfico que completa O demo meridiano (Xerais, 2004). Biblia Popular Galega, editada por Edicións Xerais de Galicia, 2004; A muller ¡que cale! Raíces do antifeminismo, Santiago de Compostela, 3C3, 2004; Por aquí chégase a Galicia, Santiago de Compostela, 3C3, 2012; A humana fraxilidade, Santiago de Compostela, Irimia, 2013.
Polo conxunto da súa obra foi merecedor da distinción da “Letra E”, outorgada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (2002).