Xosé Antonio Sánchez Bugallo


Categoría: Político
Data de Nacemento: 31 de xaneiro de 1954
Lugar de Nacemento: Teixeiro - Curtis (A Coruña)
 Currículum

Xosé Antonio Sánchez Bugallo (Teixeiro-Curtis, 1954) foi elixido alcalde de Santiago no Pleno do Concello celebrado o 23 de decembro de 1998, a consecuencia da renuncia do anterior rexedor da cidade, Xerardo Estévez. Este cargo revalidouno Sánchez Bugallo nas eleccións municipais de 1999 e de novo nas de 2003 e 2007, e gobernou, nas tres ocasións, en coalición co Bloque Nacionalista Galego.

A personalidade de Xosé Sánchez Bugallo singularízase por unha marcada vocación política e un gran coñecemento da Administración pública local. Estas condicións causaron que o seu vencellamento ao concello de Santiago chegara xa en 1983, como xefe do gabinete de Xerardo Estévez.

Nos comicios de 1987, Sánchez Bugallo resultou elixido concelleiro polo PSdeG-PSOE e a partir desa data renovou permanentemente a súa presenza na corporación compostelá, na que asumiu diversas delegacións e destacou polo éxito da súa xestión e pola súa capacidade negociadora e de consenso. A sucesiva asunción de distintas áreas municipais (Tráfico e Seguridade Cidadá, Persoal e Réxime Interior, Voceiro do Goberno municipal, etc.) conferiulle un profundo coñecemento do funcionamento orgánico e administrativo do Concello.

No eido político a súa actuación marcouna a cooperación coas administracións, tanto coa da Xunta de Galicia coma coa do Goberno do Estado. Unha cooperación que, as máis das veces, se canalizou a través do Consorcio da cidade. Entre os éxitos que reportou o espírito cooperador de Sánchez Bugallo cómpre salientar a consecución da Capitalidade Cultural de 2000 e a repercursión internacional dos últimos anos xacobeos.

Dende que tomou posesión como alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo foi quen de materializar un dos desexos dos composteláns: o recoñecemento da condición de capital de Galicia para a cidade, reflectido no Estatuto de Capitalidade aprobado no Parlamento de Galicia en 2002. Ademais deste fito, a súa xestión á fronte da corporación municipal compostelá marcárona o forte pulo aplicado ao desenvolvemento urbanístico e a execución de diversas actuacións públicas que dinamizan económica e socialmente Santiago, como os novos aparcadoiros, a reurbanización integral do Ensanche, a planificación do solo industrial, etc.

Cómpre dicir tamén que a xestión do goberno de Sánchez Bugallo no relativo á preservación e conservación do patrimonio histórico-artístico da cidade e a súa política de rehabilitación resultaron reiteradamente galardoadas por organismos nacionais e internacionais.

Xosé Sánchez Bugallo é membro do Consello de Administración da Organización de Cidades Patrimonio Mundial (OCPM) e vicepresidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Así mesmo, preside a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Santiago, integrada polos municipios de Ames, Brión, Boqueixón, Teo, Val do Dubra, Vedra e Santiago. É presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico.