Xosé Ramón Fandiño Veiga


Pseudónimo:Morris
Categoría: Guionista, escritor e xornalista
Data de Nacemento: 11 de xaneiro de 1946
Lugar de Nacemento: Santiago
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Opinión
 Currículum

Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Redactor e director da Gran Enciclopedia Gallega, así como dos primeiros tomos de Xeografía de Galicia, publicada pola mesma editorial. Actualmente desenvolve o seu labor profesional en Santiago, no Instituto Galego de Información, colaborando con Isaac Díaz Pardo no deseño da política cultural do grupo Sargadelos. Foi colaborador, traductor e asesor científico de importantes eventos culturais como "Galicia no Tempo", "V Centenario da Universidade de Santiago", "Galicia Terra Única", "Xacobeo 99"... Conferenciante e relator en numerosas tribunas, entre as que cabe destacar a Universidade de Santiago; a Universidade de Melbourne (Australia), onde participou nunhas xornadas de Cultura Galega xunto ó rector, Darío Villanueva, coa conferencia "O Camiño de Santiago e a literatura"; Casa de Galicia de Madrid; Centro Galego de Barcelona...

 Obras realizadas

Foi guionista das series televisivas: "Ayer" (serie de programas monográficos sobre a cultura galega emitidos por TVE-2 en 1987); "Gallaecia Fulget" (serie conmemorativa da celebración do V Centenario da Universidade de Santiago emitida pola TVG); "Memoria con figuras" (recreación de personaxes de orixe galega que destacaron na política, nas artes ou nas letras fóra de Galicia. Serie dirixida polo catedrático Ramón Villares para a TVG). Como ensaísta son de destacar os seus estudios sobre a amplitude renacentista e o solpor barroco da literatura en Galicia ("Séculos Escuros", en Galicia terra única, 1997), o ambiente dos círculos literarios galegos do século XIX ("Tempo de Romanticismo", en Galicia terra única, 1997), o rexurdimento da lingua e literatura galega ("Achegamento a Rosalía" en De Rosalía a Castelao: Galicia, Museo do Pobo Galego, 1985; "As letras dos vellos cartapacios", en Galicia terra única, 1997), a visión que da cidade de Santiago deixaron os grandes escritores universais ("Rosa de pedra literaria en Compostela", en Compostela na Historia, Santiago, 1999), a actualización dos estudios sobre a estancia de Castelao nos Estados Unidos como editor e prologuista do libro póstumo de Emilio González López, Castelao, propagandista da República en Norteamérica (Edicións do Castro, 2000), ou a edición crítica e comparada dos manuscritos da peza teatral de Castelao, Os vellos non deben de namorarse (Museo de Pontevedra-Editorial Galaxia, 2000). Ademais da versión española das novelas Os prisioneiros e Lucia Mc Cartney, do autor brasileiro Rubem Fonseca, a súa ampla traxectoria como traductor ó galego contén libros como A catedral de Santiago e o Barroco (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 1990); O patrimonio histórico da Universidade de Santiago (Parlamento de Galicia, 1996); Historia da Universidade de Santiago de Compostela (1998)...

 Outros datos de interese

Colaborador de diversos medios de comunicación, especialmente da Radio Galega durante cinco anos. Desta etapa é de subliñar o "Premio de Xornalismo V Centenario" da Universidade de Santiago, co que a referida institución académica distinguiu ó programa "Galicia Universitaria", que dirixiu e presentou diariamente durante o curso 1994-95. É membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, do Pedrón de Ouro, da Asociación de Traductores en Lingua Galega, secretario do Club Nacionalista Alén-Nós e colaborador do Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento", englobado no Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).