Pasou a infancia e parte da xuventude en Ferrol onde seu pai estaba destinado como mariño.
Desde moi nova amosou un interese especial polo mundo da literatura, o teatro e a radio. Neste medio dirixiu en 1956, en Ferrol, un programa radiofónico dirixido ás mulleres, "Teresa", e xa en Vigo e sete anos despois dirixiu o primeiro programa cultural radiofónico integramente en galego, "Raíz e tempo", na emisora La Voz de Vigo. A súa relación con este medio foi moi importante pois ademais de participar en moitos recitais colaborou na gravación de discos sobre Castelao e Cunqueiro.
A súa andaina literaria comezou na poesía, o seu primeiro poemario, Do sulco, publicado en 1957 inaugura a colección Illa Nova. A súa voz lírica está presente en revistas como Aturuxo, Vida gallega ou Vieiros, e en 1958 recibiu o Premio de Poesía da Asociación da Prensa de Vigo. En 1980 sae do prelo Estacións ao mar (Premio da Crítica española en 1981) e, en 1992, Tempo de ría.
A narrativa será outro dos mundos explorados por esta autora, así en 1971 publica a súa única novela, Adiós, María. Un ano despois publica o ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, que acadou o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña.
O teatro, ao que tamén estivera moi vinculada desde moza, dedicou dúas pezas Á outra banda do Iberr, publicada en 1965 e gañadora do Premio Castelao en 1966 e Un hotel de primeira sobre o río, publicada en 1968.
A literatura infantil foi outra das facetas que ocupou a Xohana Torres, así, ademais de escribir dous contos infantís, Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984), traduciu, entre outros textos, O abeto valente, de Jordi Cots, O globo de papel, de Elisa Vives e Así foi, de Kipling, realizada en colaboración con Dolores Martínez, e adaptou contos universais como O traxe do emperador, O lobo de Lelo ou O demo rapatú.
Pertence á Real Academia Galega desde o 27 de outubro de 2001, data na que deu lectura ao preceptivo discurso de ingreso que levou por título Eu tamén navegar, ao que, en nome da institución, contestou o académico Salvador García Bodaño.
Aos recoñecementos e premios xa aludidos temos que engadir o Pedrón de Ouro en 1972, o Premio da Crítica en 1982, o Premio Celanova no ano 1985, o Premio da Creación feminina en 1992...
Información extraída da web da Real Academia Galega: www.realacademiagalega.org