Xoán Viaño


Categoría: Músico
Data de Nacemento: 11 de decembro de 1960 (†26 de marzo de 1991)
Lugar de Nacemento: Ferrol (A Coruña)
 Currículum

Cursou estudios de música na súa cidade natal e nos Conservatorios da Coruña e Santiago de Compostela. Tamén obtivo a licenciatura en Xeografía e Historia, na sección de Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1982. En 1985 realiza o II Curso de Música Electrónica no Gabinete do Conservatorio de Cuenca con Horacio Vaggione. Durante ese mesmo ano asiste a dous cursos máis, un en Villafranca do Bierzo (León) (I Curso Internacional de Composición) a cargo de Cristóbal Halffter, Tomás Marco e Carmelo Bernaola e outro en Viana do Castelo (Portugal), onde realiza un curso de Música Electroacústica baixo a dirección de Daniel Teruggi. En 1986 asiste ó curso de verán Manuel de Falla (Granada), cos mestres Donatoni e Josep Soler, e tamén ó seminario realizado en Santiago de Compostela con Luis de Pablo, Tomás Marco, Jorge Peixinho, Álvaro Salazar e José Luis Temes. No verán de 1988 participou no curso de composición a cargo de Franz Hummel, nos "Internationales Jugendfestspieltreffen" en Bayreuth (Alemaña).

 Obras realizadas

Entre as súas obras destacan: Los cisnes del lago Ontario para banda magnética (1985), Transparencias para dous violoncellos (1985), Metamorfosis (homenaxe ó pintor Manuel Rivera) para órgano, obra que conseguiu o "Premio de Composición Cristóbal Halffter" en 1985, Músicas Nocturnas para 5 instrumentos (1986), Preludio y postludio a Cabalum, obra seleccionada na "VI Tribuna de Jóvenes Compositores" da Fundación Juan March, In Memorian G. C. para conxunto de metais, obra encargada polo "Centro para a Difusión da Música Contemporánea" (Festival de Alacante, 1987), Canciones sobre el Cementerio Marino, de Paul Valéry, Visiones para piano, Nubes brancas, para orquestra de corda e Habbiamo fatto un bagno para orquestra sinfónica.

 Outros datos de interese

En 1991, o Coro Universitario de Santiago e a Orquestra da Coruña, dirixidos por Máximino Zumalave ofreceron a Misa Réquiem de Wolfgang Amadeus Mozart na Igrexa de San Julián (Ferrol) como homenaxe póstumo a Viaño. Viaño permanece vivo na memoria colectiva, como o demostra o feito de que a súa obra segue sendo interpretada. A música de Xoán Viaño está depositada no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Bibliografía: Xoán Viaño. Visións Serias (1989). Universidade de Santiago de Compostela, Vicerrectorado de Política Cultural, Barcelona, 1994.