Xavier é un creador, natural de Donalbai, parroquia de canteiros da Terra Chá, do concello de Begonte, e el mesmo pertence a unha saga ou cuadrilla de canteiros, a familia dos Quijada.
Dende neno foi familiarizándose con este traballo e acolleuno na súa vida con grande dignidade e xenerosidade.
Escultor, pintor, gravador... o leito da súa obra segue a ser a súa vocación como canteiro, á que endexamais renuncia. Coma o Mestre Mateo a súa arte nace do granito onde descubre e soña coa obra que vai traballar.
Mestre de canteiros, dende 1989 dou clases en varias escolas-talleres: As Nogais, Ares, Cedeira, no Taller de Cantería de Xermolos, onde colaborou e dirixiu a restauración da Igrexa de Bascuas, onde nunha das súas salas podemos contemplar esculturas de Quijada como “O fillo pródigo”, “A parella”, “A Santa Compaña”, “As Penas das Rodas”...
Ten obra pública en varias vilas e cidades como Denia-Alacante, As Nogais, Guitiriz..., onde é autor de varias obras dedicadas á memoria do poeta Díaz Castro.
É moi interesante os seu labor coma restaurador de obras de arquitectura popular: casas rurais, hórreos, muíños, cruceiros... Un traballo que é froito dos seus estudos sobre o noso patrimonio arquitectónico.
Dende 1990 participa en ducias de exposicións: Festival de Pardiñas, Certame “Cidade de Lugo”, colectiva de Arboreda no Ferrol, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago (1992), Ateneo Ferrolán (1999), Betanzos, Chantada, etc. Recibiu premios en Pardiñas, Artesanía de Lugonova (1993), finalista a nivel de España do Certame de Escultura de 1991, do Certame Xuvenil da Ugt, da Bienal de Pontevedra.
Non podemos esquecer a súa achega coma autor de carteis de festivais e acontecementos culturais..
Hai que salientar o seu labor como promotor do asociacionismo dos artesáns e da busca de canles de exposición e comercialización dos seus produtos, sendo o primeiro presidente de Artechá.