Xaime Garrido Rodríguez


Categoría: Arquitecto
Data de Nacemento: 7 de xullo de 1938
Lugar de Nacemento: Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986413800
Fax: 986413800
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Tras estudia-lo bacharelato en Vigo, trasladouse a Madrid para realiza-los estudios do selectivo de Ciencias na Universidade e o ingreso na Escola de Belas Artes de San Fernando e na Escola Superior de Arquitectura, obtendo o título de arquitecto superior en 1966. Como profesional liberal exerce a profesión de arquitecto e urbanista tendo realizado máis de dous mil proxectos para particulares e para centros oficiais. Desde 1968 a 1973 traballou como arquitecto municipal de Baiona, defendendo o seu patrimonio arquitectónico, histórico e paisaxístico. Desde 1994 ata 1998 foi asesor técnico da Universidade de Vigo. É membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses e durante moitos anos foi membro da Comisión de Cultura do Colexio de Arquitectos de Galicia, do que foi o seu presidente. Conseguiu o Premio á Investigación da Deputación Provincial de Pontevedra (en 1986 e 1989) e o VIII Premio “Irmáns Gómez Román” de Urbanismo e Arquitectura no ano 2000.

 Obras realizadas

Xaime Garrido publicou os seguintes libros: Fortalezas de la antigua provincia de Tuy (1987 e 2001; 252 páxinas), Vigo, la ciudad que se perdió (1991, 1992, 1994 e 2001 edición ampliada; 500 páxinas), Arquitectura da pedra en Vigo (2000, 455 páxinas e 800 ilustracións) e El puerto de Vigo, síntesis histórica (2001, 359 páxinas, ilustracións en color). En colaboración con Xosé M. Ramón Iglesias Veiga publicou: Manuel Gómez Román mestre da arquitectura galeguista (1995, 205 páxinas), Vigo, arquitectura urbana (2 tomos) (2000, 921 páxinas), e Percorridos pola arquitectura viguesa (2003, 232 páxinas). En colaboración con Lena S. Iglesias Rouco publicou o libro Vigo, arquitectura modernista 1900-1920 (1980, 115 páxinas).

 Outros datos de interese

Como arqueólogo descubriu a estación paleolítica de Pontevedra (Gondomar), tendo depositado máis de catrocentos utensilios no Museo de Pontevedra. Como fotógrafo con laboratorio propio realizou miles de fotografías facendo as exposicións de “Arquitectura modernista de Vigo” en 1980 e “Castelos de Galicia” en 1995. Como publicista realizou numerosos traballos en revistas e prensa.