Ricardo Polín


Categoría: Filólogo e escritor
Lugar de Nacemento: Castroverde (Lugo)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

O escritor castroverdense Ricardo Polín é Doutor en Filoloxía e historiador, destacando polo seu labor docente e investigador. Profesor de Didáctica da Lingua e a Literatura na USC e de Galego na ensinanza media, conta con unha extensa obra científica e literaria en diversas áreas do coñecemento (historia da literatura e crítica textual, edición de textos antigos, estudos filolóxicos, ensaios históricos, etc...), traballos polos que ten sido galardoado con prestixiosos premios como o extraordinario de doutorado, o Premio da Crítica de Galicia en investigación, o Premio Literario Ánxel Fole de ensaio, o premio do Ministerio de Educación e Cultura á edición ou o premio “Mans de Irimia” en recoñecemento á súa traxectoria.

 Obras realizadas

Entre a súa densa produción figuran obras como as seguintes: El último siglo de la poesía lírica gallego-portuguesa (1994, 5 tomos); A poesía lírica galego-castelá (1994); Cancioneiro galego-castelán (1350-1450). Corpus lírico da decadencia (1997); As cantigas mariñas no país de Breogán (2000); El costumbrismo decimonónico gallego (1989); Os galegos pintados por si mesmos, luxoso album ilustrado, en 3 volumes: A muller tradicional (1996), Homes do país (2000) e Álbum de Galiza. Estampas da nosa tribo (2013); Guía histórica e cartográfica do Camiño Primitivo de Santiago en varios tomos: Camiño a Lugo (2004), Camín de Burón (2006), Á Baleira de Camiño (2006), rota xacobea da que é o máximo experto e promotor; Escritos na Floresta. Árbores senlleiras na cultura chairega (2015); edicións críticas e estudos de poetas galegos falecidos na diáspora como Crecente Vega (A poesía de Codeseira, 1997 e Folla bricia, 2003), Francisco de Fientosa (Á primeira luzada, 2003) ou Manuel María González (Verde terra miñota, 2012); etc...

 Outros datos de interese

En relación co magnífico patrimonio do seu municipio natal, en 1992 editou a obra do primeiro escritor castroverdense coñecido (Lois do Cando. A víspora de San Xoán en Montecubeiro e outros poemas galegos); no 2017 publica Castro Verde nas crónicas de Rogelio Reigosa; así mesmo, ten en preparación o estudo monográfico da vía primitiva a Compostela por esta localidade, ao que se suman outras moitas achegas históricas e culturais vinculadas ás súas orixes.

Colaborador e coordinador en distintos proxectos de carácter histórico ou filolóxico (Gran enciclopedia galega, Proxecto Galicia, La gran obra de los caminos de Santiago, Ribeira Sacra, Guía da Pastoriza, etc...) e autor de diversas exposicións e programas radiofónicos, posúe numerosa obra dispersa en coleccións, xornais e revistas especializadas.