Desde nena gustoulle cantar e pasou por diversas escolas de música para ampliar a súa formación.
A partir do ano 2007, foi seleccionada entre centos de participantes para o programa da TVG chamado “Son de Estrelas”, quedando como unha das finalistas. Esta experiencia deulle a oportunidade de intervir con actuacións musicais en diversos programas na televisión de Galicia como “Luar”, “Son de Verán”, “Heicho Cantar Queridiña”, e incluso facer un pequeno papel como actriz no programa “O Sofá”, xunto a Isabel Risco.
Tamén viu cumprido un dos seus soños máis prezados chegando a compartir escenario coa gran Mónica Naranjo, Francisco, (actuación que conseguiu o terceiro posto de vídeos máis visitados na páxina de CRTVG do ano 2012) Angy, Andy & Lucas, etc...
No ano 2011 foi seleccionada para ser unha das voces cantando en galego dun spot publicitario para FORTA (Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos”.
Desde 2012 en diante, dedícase a traballar no que será o seu primeiro disco, do que xa fixo presentación de varios dos temas que o compoñen como “Aí ven o Maio”, “Fervenza”, “Emigrante” e “Todos a Santiago”, estes dous últimos xa editados en cdfísico, producido e composto por Pedro González, (compositor, músico e produtor de grupos como Amistades Peligrosas, Semen Up e Spiritu986). Tamén colaboran neste Maxi Single Alberto Comesaña e Anxo Lourenzo entre outros músicos de gran recoñecemento a nivel nacional. Todo isto combinado co seu papel como xurado na sección de Recantos no programa líder de audiencia “Luar”, forma parte do seu día a día. Todo feito coa ilusión de agradar a todos e cada un dos que forman parte do seu e intentando cada día chegar máis arriba para facerse un oco en Galicia como artista da nosa terra.