Licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (1984) e doutora en Bioloxía pola USC (1989) coa tese 'Relaciones taxonómicas y estudio genético de poblaciones de maíz de Galicia" dirixida por Amando Ordás Pérez.
Tras realizar estanzas postdoutorais na Universidade Agrícola de Wageningen (Holanda), incorporouse en 1991 como científica titular do CSIC á Misión Biolóxica de Galicia (MBG, Pontevedra) no Grupo de Xenética e Mellora de Millo.
Actualmente é profesora de investigación do CSIC na MBG, centro do que foi directora dende 2002 ata 2011 e vicedirectora no período 1994-2002.
As súas liñas de investigación principais son a mellora xenética e os recursos fitoxenéticos de millo centrándose fundamentalmente na resistencia a factores bióticos. Dirixe as investigacións sobre a resistencia do millo á praga do trade, que actualmente se centran na busca de xenes de resistencia e na caracterización da resposta do millo ao ataque da praga dende o punto de vista xenético, bioquímico e estrutural. Colabora na liña de investigación sobre a resistencia do millo a enfermidades fúnxicas e á contaminación con micotoxinas e sobre a utilización do millo para usos especiais como o millo para alimentación humana e como bioenerxía
Participou en numerosos proxectos de I+D, europeos, nacionais e autonómicos, liderando aqueles relacionados coa mellora xenética da resistencia do millo á praga do trade, estando en vigor o proxecto AGL2009-09611. Ademais, participa nos proxectos: "From diversity to energy: integration of advanced mapping and phenotyping methods to identify key alleles for building maize energy ideotypes", "Aplicación de la fortificación de la pared celular en la mejora de la resistencia del maíz a plagas y enfermedades", "Utilización de los residuos de maíz para la producción de bioetanol" e "Conservación e caracterización de las colecciones españolas de maíz".
É autora de máis de 100 traballos orixinais de investigación, en revistas incluídas no SCI, sobre recursos fitoxenéticos, mellora xenética de millo e resistencia a estreses sobre todo en temas relacionados coa resistencia do millo ás pragas. Así mesmo, participou en artigos, capítulos de libros e diversas actividades relacionadas coa divulgación.
Dirixiu sete teses doutorais, cinco das cales se centran en diversos aspectos da resistencia do millo á praga do trade e as restantes abordan a adaptación do millo doce.
Participou e participa en distintos contratos con empresas e levou a cabo diversos programas de selección para obter novas variedades de millo con mellor resistencia e/ou tolerancia á praga do trade e colabora no mantemento da colección de germoplasma de millo da MBG.
A súa actividade docente céntrase na participación en cursos de doutorado e máster das Universidades de Vigo e Lleida, esta última en colaboración co CIEHAM.