Raúl Galego García


Categoría: Gaiteiro
Data de Nacemento: 19 de agosto de 1955
Lugar de Nacemento: San Pedro de Ferreiroa - Agolada (Pontevedra)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Opinión
 Currículum

Entre 1965 e 1969, no Colexio Fogar de Santa Margarita (A Coruña), xorde en Raúl Galego unha teima galeguizante que o devolveu á reafirmación da súa orixe. Cara ó ano 1960 comeza o seu contacto coa música, aprendendo pronto a afinar a guitarra. Pouco tempo máis tarde coa melódica comezou a tocar algunha melodía popular ("se te queres casar coas mozas de aquí", "catro vellos mariñeiros"...). No seu derradeiro curso entrou no coro de ‘Cántigas da Terra’. Pouco despois, logra facerse cun punteiro e unha palleta e empezou a practicar no pouco tempo libre que tiña. Destas inquedanzas e teima xuvenil xurdiu un gaiteiro que, co paso do tempo, non perdeu unha pinga dese espírito que o vencellou -de por vida- á nosa música.
Raúl Galego posúe a Certificación Académica de Solfexo, emitida polo Conservatorio Superior de Música da Coruña pero a súa formación como gaiteiro é froito da autodidáctica, complementada mediante a concorrencia cos gaiteiros de ‘Cántigas da Terra’, ‘Ballet Galego’ e outros gaiteiros de sona e por medio do estudo e investigación nas fontes bibliográficas, recolleitas, entrevistas a vellos gaiteiros e outros estudosos da gaita en todo o mundo.

 Obras realizadas

A súa traxectoria musical comeza, propiamente, en 1972. Desde entón formou parte dunhas trinta agrupacións folclóricas, corais, grupos de gaitas, bandas de música, comparsas de antroido, grupos folk, etc. como son as coruñesas Cántigas da Terra; Os Cinco de Galicia; Os Matos; Os Macías; Os Zoqueiriños; o Ballet Galego “Rey de Viana”; Trisquela; A Trangallada; Carballeira; Os Cardelle; Millo Verde; Pablo Quintana; Lembranza; Ramón Puga; grupo de gaitas da Deputación Provincial; A Marola; Argazo; Os Reiceiros de Brates; Os Romanos; Cantares; Ancoradoira e tamén Brisas del Sil (Ponferrada); Os Brigantinos (Betanzos); Aires de Bergantiños (Carballo); Sementes do Arte (Ordes); Xolda (Carballo); Albaroque (Carballo); A Quenlla (Lugo); Os Melidaos (Melide), A Gaita de Sarandón (Vedra)...
Veu impartindo clases como profesor de gaita, percusión e música galega dende 1973 en máis de 30 parroquias, colexios, asociacións culturais e de veciños, academias e sociedades. Cómpre destacar, así mesmo, as súas conferencias e charlas didácticas, con especial relevancia das pronunciadas no Centro Galego Rosalía de Castro (Madrid, 1988), Centro galego O Noso Lar de Rotterdam (Holanda, 1990), Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago (dirixida a estudantes de filoloxía e musicoloxía, 1994), Facultade de peritos do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (máster de musicoloxía, 1995) e para o CEFOCOP, dirixido a profesores de música de primaria, sobre música tradicional, instrumentación e técnicas de recollida (Lugo, 1998) e as dirixidas a alumnos de BUP e COU de diversos Institutos de Bacharelato e Formación Profesional (1974–2004).

 Outros datos de interese

GRAVACIÓNS:
1981. “Muiñada”, Cántigas da Terra.
1985. “Galicia ten Himno e escudo de seu”, Orquestra e Banda do Concello da Coruña.
1992. “Colección O Gaiteiro de Soutelo, 3”, Millo Verde; “Escolma de música galega, vol. II”, Millo verde; “Fonoteca 92”, Aires de Bergantiños e “Albaroque”, Grupo Albaroque.
1993. “Aires de Bergantiños”, Grupo Aires de Bergantiños e “Nadal en galego”, A Quenlla.
1996. “A Casa que nunca tivemos”, A Quenlla.
1998. “Doce polainas enteiras”, Edicións do Cumio.

Participación como xurado en concursos de gaita:
1993. Trofeo MacAllan de Galicia na Coruña, fase eliminatoria.
1994. V Concurso Folclórico –Bandas de Gaitas (Cerdido), Trofeo MacAllan de Galicia en Santiago, fase final e I Certame de gaitas Cidade de Betanzos "Homenaxe ó gaiteiro Cafú".
1995. Trofeo MacAllan de Galicia, fase eliminatoria e VI Concurso de música–tradicional (gaita solista) A.X.Xacarandaina.
1997. VII Concurso Folclórico "Concello de Cerdido" e II Certame galego de Bandas Tradicionais (Betanzos).

En 2003 na vila de Carballo recibiu unha homenaxe por parte da asociación Cultural “Argazo” na que participou e colaborou por máis de 10 anos. Tamén en Carballo, no 2005 foi homenaxeado pola asociación de San Cristovo no seu “Día do Gaiteiro”. E no mesmo ano recibe outra homenaxe da Fundación “Wenceslao Fernández Flórez” de Cecebre (Cambre) entidade cultural coa que participa e colabora dende a súa inauguración no ano 2001.
Na actualidade, Raúl Galego García mantense en nómina coma gaiteiro na Excma. Deputación Provincial da Coruña, é membro directivo -en activo- da Asociación de Gaiteiros Galegos e Asesor Técnico e Vogal no Tribunal para Oposicións e Concursos da Consellería de Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia.
Logo de moito experimentar, tomou partido por a tumbal, gaita en Si bemol, chea, profunda, solemne. Potente, cara a trompeta; doce, cara o violín. Racial. Antiga. Completa, complicada: catro voces... ambigua. Pero polivalente. Gracias ó calado do roncón maior e a lonxitude dos seus espigos, a miña gaita acada unha gama de tres tonos coas súas cinco tonalidades, dende o La, ata o Do só cun troco de pallóns.
Posúe unha colección de gaitas e punteiros: unhas trece gaitas e dúas ducias de punteiros de artesáns coma Seivane, Carril, Bao, Evaristo e el mesmo; de tonalidades tan diversas coma Fa, Sol, La, Sib, Sib brillante, Si natural, Do natural, Do brillante, Re (aberto e pechado), Reb, Mi e Fa agudo e madeiras que van do buxo ó granadillo pasando polo ébano e o pao santo, por exemplo. Isto no que atinxe á gaita galega, mais tamén posúe: unha piob mhor, unha duda húngara, unha ullean pipe herdada, unha gaita do Vaca II con gama antiga, e unha gaita xordeira de son macio, cenzo antigo,filla directa das gaitas de alcacén, ferraia, centeo, avea... que fixo el mesmo a resultas de diversas investigacións e proxectos.