Licenciado en Xeografía e Historia, sección de Historia da Arte, pola Universidade de Santiago de Compostela; Máster en Xestión de Patrimonio e Bens Culturais pola Universidade da Coruña e en Interpretación do Patrimonio Cultural pola Universidade Oberta de Cataluña e a Universidade das Illas Baleares; actualmente prepara a súa tese doutoral sobre as coleccións artísticas da Catedral de Santiago de Compostela, no Departamento de Historia da Arte da Universidade compostelá.
Profesionalmente, a súa carreira estivo orientada ao campo da museoloxía e a xestión cultural, completando a súa especialización cunha estancia de tres anos no Ministerio de Cultura, con becas da Dirección Xeral de Turismo da Xunta e a Deputación da Coruña e coordinación de exposicións temporais da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo. Desde un principio tivo unha especial vinculación co Museo da Catedral de Santiago, onde foi bolseiro, documentalista, Secretario Técnico e, desde 2009, por designación capitular, Director Técnico – Conservador.
Ademais de autor de sendas monografías sobre os Tapices de Goya e o Gallardete de Lepanto e a colección de artes téxtiles do Museo da Catedral, realizou estudos e fichas catalográficas de numerosas pezas do citado museo, publicadas en diversos catálogos de exposicións.
No ano 2010 foi comisario, director do proxecto e do catálogo da exposición “Santiago, punto de encuentro” organizada pola Fundación Caixa Galicia e o Museo da Catedral.