Cursou os estudios superiores nas Universidades de Santiago de Compostela e Autónoma de Barcelona. Foi bolseiro Fleming no Institute of Archaeology da Universidade de Londres entre 1984 e 1985. Obtivo os graos de licenciado (premio extraordinario) e doutor en Historia pola UNED. Foi profesor-tutor de Arqueoloxía na UNED (1984-2000) e profesor titular de Prehistoria nas Universidades de Vigo (1993-1997) e Santiago (1997-2000). É catedrático da área de Prehistoria desde o ano 2000.
Foi autor de tres libros: ‘Aproximaciones a la cultura material del megalitismo gallego’ (1988), ‘Megalitismo del Noroeste de la Península Ibérica’ (1992) e ‘Los petroglifos y su contexto’ (2001) e coeditor de tres libros: ‘Arqueoloxía da Morte na Península Ibérica desde as Orixes ata o Medievo’ (1995), ‘Os primeiros poboadores de Galicia: o Paleolítico’ (1996) e ‘A Idade do Bronce en Galicia: novas perspectivas’ (1998). Asemade ten máis de 100 traballos de temática arqueolóxica, publicados en monografías ou revistas científicas galegas, españolas, portuguesas, inglesas, francesas e italianas. A súa investigación céntrase na Prehistoria de Galicia entre o Neolítico e a Idade do Ferro, cunha especial atención ao estudo da cultura material do megalitismo e da arte rupestre ao aire libre. É investigador colaborador e investigador responsable de numerosos proxectos e contratos de investigación, internacionais (Unión Europea), nacionais (España) e autonómicos (Galicia e Castela-León), entre eles: ‘As pinturas megalíticas’, ‘Os petróglifos e o seu contexto’, ‘A interacción entre os grupos galaico e esquemático na arte rupestre do NW’, ‘Manifestacións megalíticas na comarca do Deza’ e ‘Ocupación do espacio e modificacións do contorno na Península do Barbanza durante a prehistoria recente’. Tamén foi corresponsable de traballos de prospección en diversos puntos de Galicia, así como das escavacións na necrópole de Os Campiños (Rianxo) e no poboado calcolítico de El Pedroso (Zamora). Fixo estadías de investigación no Institute of Archaeology en Londres (Reino Unido); Universidade do Porto (Portugal); Museo Mendes Correa, Porto (Portugal). Impartiu numerosas conferencias en España en temas da súa especialidade e participou nun gran número de congresos nacionais e internacionais como membro de comités de organización e científicos. É membro do comité científico das revistas ‘Gallaecia’ e 'Férvedes'. Actuou como revisor da Agència de Gestió d'Ajuts Universitaris i de Recerca (Generalitat de Cataluña) e da revista Journal of Archaeological Science. Foi organizador ou coorganizador de varios ciclos de conferencias e cursos de verán.