Foi fillo do secretario do Concello de Ortigueira, Donato Bascoy Villasuso e da súa esposa Dolores Pérez Villarnovo.
A súa infancia vai transcorrer en Ortigueira, realizando os seus primeiros estudos na escola que xa daquela dirixía o mestre José María Lage Martínez, onde escribiría no primeiro xornal escolar español, denominado inicialmente El Gallego e que, a partir do segundo número, recibiría o nome máis axustado de El Escolar, onde tamén o fixeron Pita Romero e outros destacados orteganos.
Unha vez superados os seus estudos de Bacharelato, o mozo Ramón trasladarase a Madrid, en 1915, co fin de preparar as difíciles oposición ao acreditado Corpo de Correos. Durante a súa estancia na capital, residirá xunto a outros mozos de diferentes lugares de España nunha pensión que fará de segundo fogar para todos eles. Alí o comunicativo e emprendedor ortegano iniciará unhas frutíferas relacións que terminarán nunhas amizades para toda a vida. Porén, os momentos de diversión son poucos todos eles, que deben estar moi centrados nuns estudos cos que poden lograr un posto que lles permita unha vida plena.
O 8 de agosto do ano seguinte, Ramón enfróntase á súa primeira proba, un exercicio sobre a Xeografía postal de España e a lexislación do servizo interior de Correos. Como sempre, os opositores son moitos, as prazas poucas e o exame duro, pero a mente de Bascoy retivera todas as claves dos temas, polo que o pasou sen grandes dificultades. Tras el chegou o segundo, esta vez sobre lexislación internacional, contabilidade especial de Correos e xeografía postal universal. Tres ósos duros, aos que se lles engadía o inconveniente de que lle tocou nomear as cidades da Rusia presoviética, que daquela se distinguía entre europea e asiática, e estes estaban escritos no seu idioma orixinal, aínda que coa grafía latina e non cirílica, menos mal. Coa súa superación, Ramón tiña xa un pé no seu novo traballo, pero para poder ingresar como funcionario do Ministerio de Gobernación, onde residía o organismo postal, necesitaba superar aínda un terceiro exercicio, o da lingua francesa, idioma que naqueles inicios do século XX era o que dominaba o correo internacional e que pronto deixaría o seu lugar ao inglés. Ademais, nesta última fase, deberíase pasar polos exames de contabilidade mercantil e teneduría de libros. As case tres semanas que transcorreran tralo seu último exame, déronlle tempo a repasar todos os seus coñecementos e así poder conseguir finalmente superar a proba o 18 de setembro.
O ingreso de Ramón no funcionariado español producirase máis dun ano despois, o 7 de decembro de 1917. As cousas do palacio sempre foron despacio, incluso para os propios funcionarios. Pero esta vez, polo menos, non terá que desprazarse a Madrid para tomar posesión da súa praza, que terá lugar na oficina principal de Correos da Coruña.
Poucos anos despois de empezar a súa actividade laboral, o Estado chamarao para cumprir co que entón se consideraba un deber inescusable, e que hoxe ten carácter voluntario: o servizo militar. En outubro de 1921, o seu rexemento é mobilizado desde Ferrol, un lugar ao que volverá xa como funcionario postal, e do que novamente deberá partir para un novo posto. Esta vez na estafeta de Correos de Valdepeñas de Jaén. Tiña entón 26 anos e a súa vida discorría con grandes avatares. Un bo momento no que entrará en estreita relación cunha moza da localidade, Lola de Luna Aparicio, que tras seis anos de noviazgo converterase na súa esposa grazas ás bendicións do cura e Parente da familia da moza, Antonio Casás Iglesias, que para cumprir cos contraentes ten que trasladarse desde a súa parroquia coruñesa de Barallobre ata a xienense.
O novo matrimonio tivo a súa primeira filla o 13 de febreiro de 1933, polo que o seu bautismo celebrouse en pleno Entroido. Este feito provocou que, ao desprazarse cara á catedral da capital da provincia aceituneira, a indumentaria dos asistentes se confundira cos grupos de xente disfrazada que pululaban polas rúas, o que irritou seriamente ao avó da criatura. Esta situación paradóxica transformaríase posteriormente nunha anécdota graciosa, que sempre foi recibida con hilaridade dos seus oíntes.
Durante o tempo que Ramón Bascoy permaneceu en Jaén, ademais de ocuparse do seu traballo, dedicarase a dar clases particulares aos opositores a Correos durante o seu tempo libre. Segundo a súa filla Mariluz, todos os seus alumnos lograron aprobar os exames das súas respectivas convocatorias. Esta tarefa de preparador de carteiros, ademais de reportarlle a Ramón un sobresoldo, tamén o poñerá no camiño de editar os seus apuntes, algo que fará en 1932 coa colaboración do seu amigo e compañeiro en tarefas postais Julio Nieto Viñas. A súa primeira obra de carácter profesional publicaras eco título de Tratado de lexislación de Correos. Servizo postal internacional, axustado ao programa para ingreso no Corpo Tratado de Lexislación de Correos. Tras este primeiro manual, ambos colegas sacarán ao ano seguinte outro libro que o complementará e que titularán “Legislación internacional de Correos: Cien ejercicios, ejemplos y problemas razonados de aplicación práctica de los Convenios y acuerdos internacionales”.
O primeiro dos seus traballos será considerado como unha obra moi interesante polo Ministerio de Comunicaciones do III Reich, polo que ordenará que se traduza ao alemán para a formación dos seus profesionais.
O asasinato de Calvo Sotelo, o 13 de xullo de 1936, marcará un antes e un despois na vida da familia Bascoy de Luna, pois os tres membros regresarán a Ortigueira, onde serán acollidos polos seus pais á espera de que se resolva a inestabilidade social que trastoca a situación da vida española neses momentos. Días despois, o Exército nacional tomará as rúas e entrará en conflito co Goberno e a sociedade civil desembocando na Guerra Civil. Durante os seus primeiros meses, a familia permanecerá en Ortigueira, pero logo trasladarase a Oviedo, onde a Ramón lle asignan o seu novo posto.
Durante os anos da contenda, os traslados laborais de Ramón foron case continuos. Do seu destino na capital do Principado, seguiulle o de Burgos e a este o de Sevilla. Tras acabar a guerra, trasladouse coa familia a Madrid, onde, en 1941, e por sorpresa, naceu a súa segunda filla, Mariluz.
Un ano máis tarde, Ramón e o seu fiel Julio Nieto publicarán a súa terceira obra en común, que titularon “Legislación internacional de correos: Cien ejercicios, ejemplos y problemas razonados de aplicación práctica de los convenios y acuerdos internacionales vigentes”. Esta non sería a súa última publicación na que compartirían a súa autoría, xa que en 1950 editarán “Historia universal do correo” á que sumarán os esforzos intelectuais de José Mª Dorna Estrada, Ángel Pérez Palacios e Emilio García Rojo. Esta recompilación histórica tivo unha moi boa acollida tanto entre os profesionais como entre as institucións que lle brindaron todo tipo de eloxios. Entre os primeiros hai que destacar ao médico e académico Gregorio Marañón, ao duque de Alba ou José María Pemán, mentres que entre os segundos, sería recoñecida pola RAE, o Instituto de Cultura Hispánica, o Instituto Británico ou o Instituto del Libro Español, entre outros moitos.
Todos os anos pasados en Madrid na Dirección Xeral de Correos serán só interrompidos polas estancias veraniegas en Ortigueira coa súa familia. Unhas vacacións que sempre se iniciaban o día 25 de xullo coa visita previa ao reverendo Casás, o cura que oficiara a súa voda, e que seguía rexentando a parroquia de Barallobre desde a súa casa reitoral. O seu regreso á mansión paterna producíase co comezo das festas, nas que xa daban renda solta ás súas longas e entretidas comidas que se alongaban por tardes enteiras, en que se ían desgranando todos os asuntos propios e alleos que produciran durante as súas longas separacións. A elas sumábanse familiares e amigos achegados de todos os lugares, o que facía máis amenas as tertulias.
O entretemento favorito de Ramón Bascoy durante os seus días de descanso era ir dun lado para outro tomando nota de canto encontraba curioso ou interesante, hoxe en Cedeira, mañá en Viveiro, pasado en Ferrol… Pero tamén pasaba moito do seu tempo escribindo sobre a que ía ser a súa obra máis persoal e reflexiva: “La comarca del Ortegal en el II milenio antes de Jesucristo”. Esta obra foi publicada por David Fojo, primeiro por entregas no seu semanario La Voz de Ortigueira, e máis tarde en formato libro, do que editaría ata seis volumes, a partir de 1954.
A hipótese da que parte Bascoy é a de que “Ortigueira e a súa comarca, máis concretamente o eixe costeiro Cedeira-Ortegal-Bares, foi unha zona habitada durante séculos por gregos oriúndos de Ortygia, chamada despois Efeso, na Asia Menor, que arribaron a estas costas en anos do II milenio antes de Xesucristo. En virtude, non somos descendentes de fenicios, nin de celtas, nin de romanos, nin de suevos, nin de godos. Todos estes pobos viviron, en efecto, máis ou menos tempo cada un, en terras de Galicia, pero a nosa comarca existía con nome propio e estaba xa habitada por gregos, bastantes séculos antes de que o máis antigo daqueles pobos fixese a súa aparición na historia”.
A través dos seus seis volumes, Ramón Bascoy tratará de confirmar os seus orzamentos. Uns volumes que o lector poderá diferenciar, primeiro visualmente, pola súa cor, e despois polo seu contido, trala súa lectura, e que se corresponden coa seguinte estrutura. O primeiro, de cor laranxa, recolle as hipóteses sobre as que versará a obra, e que partirá de poñer no mapa a Ortigueira por medio de 83 exposicións e sinalando como un dos seus argumentos máis decisivos para el un antigo escudo da vila que non se corresponde co actual e do que extraerá as súas propias conclusións.
O segundo volume, de cor verde, desprégase todo tipo de argumentos baseados nas concepcións mítico-relixiosas imperantes na zona que, segundo el, teñen as súas orixes nos remotos tempos dos colonizadores gregos do II milenio.
O terceiro tomo, de cor marrón, abunda en dous aspectos físicos importantes para as explicacións de Bascoy, por un lado a figura pétrea da Muller Mariña, que segundo el non é unha escultura natural senón unha representación cicelada polo home e o Coido (Koido, para él) de Bares.
O cuarto volume, de cor azul, fixa a súa atención nas navegacións dos barcos primitivos cara ao cabo Ortegal e a Estaca de Bares, e que para Bascoy simbolizan a morte e a vida para a cultura grega do momento estudado.
O quinto, de cor vermella, refírese aos lugares máis emblemáticos do Ortegal, vendo neles simboloxías que analiza desde a perspectiva grega.
A metodoloxía empregada por Bascoy seguiu a liña doutros autores do século XIX, como Fulgosio o Vicetto, pero que no momento no que iniciou os seus traballos xa non era a máis adecuada para os investigadores históricos do seu tempo. Estes seguían unhas canles máis empíricas e que xa no partían de estudos analíticos da Filoloxía ou da Heráldica dos topónimos. Entre estes atopábase o tamén ortegano Federico Maciñeira, que falecera once anos antes da edición do primeiro volume de Ramón Bascoy. Un investigador que introduciu moitos métodos experimentais para buscar as solucións apropiadas aos enigmas cos que se foi encontrando, ademais de estudar, compartir e contrastar cientificamente os seus achados con outros estudosos da Historia e a Arqueoloxía.
De calquera modo, a obra de Ramón Bascoy ten o mérito de ter recompilado moitas das lendas, mitos e ritos que se daban na Comarca do Ortegal, o que é un feito destacable para aqueles investigadores que desexen obter datos da Antropoloxía Cultural da Comarca do Ortegal.
En 1962, o Goberno vaille recoñecer co seu nomeamento de Xefe Superior da Administración Civil polos seus 42 de bos servizos prestados no Corpo de Correos, o máis alto grao que ata aquel momento se lle concedía, e que lle supoñía un incremento de salario, ademais dunha condecoración, e que entre as súas funcións estaría a de asesoramento en virtude da súa longa traxectoria e experiencia.
Ao ano seguinte, a súa filla Lolín, que contaba daquela 30 anos, decidiu entrar na irmandade relixiosa dos Sagrados Corazóns. A decisión supúxolle un gran desgusto, pero non se opuxo, xa que desde a maioría de idade das súas fillas sempre respectara as súas opcións, máxime, cando estas foran reflexionadas e estaban en coherencia cos seus valores.
A pesar diso, o seu ánimo reséntese e o día en que a súa filla ingresa na orde relixiosa, 1 de febreiro de 1964, a el dálle un infarto á saída do traballo. Desde ese momento, Bascoy ha deixar o seu traballo para recuperarse na súa casa, onde acabará sendo asistido por un dos seus amigos e compañeiros dos seus anos de opositor a Correos e que se convertera co paso do tempo nun gran cardiólogo e excelente amigo.
O tempo de descanso aproveitarao para poñer en orde os apuntes que foi recompilando coa información que desexa editar como o sexto tomo sobre a Comarca do Ortegal e que titulará “Páginas de nuestra historia”.
En 1966 decidiu xubilarse para ocupar os últimos anos da súa vida gozando dos longos paseos por Ortigueira, compartindo conversacións cos seus amigos e percorrendo os lugares que sempre lle causaron admiración. Pero a xubilación non acabou de chegarlle, pois durante os días en que se encontraba tramitando o papeleo que o convertería nun membro do grupo de retirados asaltouno un novo infarto que acabou coa súa vida mentres durmía a noite do 17 ao 18 de maio.
Desde entón os seus restos repousan no panteón familiar dos De Luna no camposanto de La Virgen de la Almudena, na capital de España.
Texto de José Manuel Suárez Sandomingo.