Agustín Sánchez Iglesias


Categoría: Gaiteiro e compositor
Data de Nacemento: 11 de outubro de 1978
Lugar de Nacemento: A Coruña
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Facebook

Web
 Currículum

Titulado en Educación Musical pola Universidade de Santiago de Compostela e posuidor do Título Profesional de Gaita Galega, compaxina a súa actividade como gaiteiro e compositor coa de mestre de música.

Natural da Coruña (1978), iníciase no mundo da música tradicional aos once anos de idade na aula de gaita da A. F. “Aturuxo” (A Coruña), tendo como mestres a Xosé Temprano e a Pepe Vaamonde, cos que adquire a técnica básica da gaita galega. A partir dos 13 anos, a súa formación pasa a ser totalmente autodidacta, profundando e estudando tanto obras do repertorio tradicional galego como dos principais autores que compoñen para este instrumento.

Paralelamente á súa formación na música tradicional, en 1991 comeza os seus estudos musicais como trompetista no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, que conclúe posteriormente no Conservatorio Municipal de Carballo coa especialidade de gaita. Durante este tempo forma parte da Banda de Música “Sementeira”, Concello de Cambre.

Tras formar parte da agrupación na que se iniciou, en 1998 comeza unha nova andaina como gaiteiro solista no G.B.P “Iar”, levándoo durante dez anos por importantes festivais internacionais da xeografía galega e do resto da península, como o VI Festival Intercéltico de Avilés (Asturias), Festival Internacional de Seia (Portugal), Festival Mundial de Zaragoza, Santomera (Murcia), Bermeo (Euskadi), etc. No ano 1999 participa no programa organizado pola TVG en Homenaxe ao Camiño Inglés e colaborou durante moitos anos nos Premios Anuais de Folclore Galego que organiza a dita agrupación.

Na súa curta traxectoria foi galardoado en numerosos concursos de gaita por todo o territorio galego. Foi gañador do XII Concurso de Gaiteiros solistas organizado pola A.X. “Xacarandaina” (2001), tricampión consecutivo do Concurso para Gaita Galega de “Cantigas e Agarimos” (2001, 2002 e 2003), dúas veces finalista no “Gaiteiro de Soutelo” (2002 e 2004) conseguindo un 3º e 4º posto, 1º Clasificado en Gaita Galega no “Trophee McCrimmon” (Lorient, Francia) e 3º posto na clasificación xeral, entre outros. En 2001 fai o seu debut no prestixioso Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón” e consegue o seu primeiro accésit, pero non será ata o ano 2003 cando se proclama campión da XIII edición; foi seis veces consecutivas finalista neste certame.

No ano 2004 funda o obradoiro de estudo de música tradicional para gaita “Os sete estalos” xunto con músicos da talla de Pedro David Lamas e Daniel Bellón, ambos os dous do cuarteto “Luvas Verdes”. Con esta formación non só consegue o primeiro posto en certames de renome, como o “Memorial Ricardo Portela” (Pontevedra 2004), “Memorial Manuel Texo” (Ribadulla 2005) ou o da A.C “Meigas e Trasgos” (Sarria 2004), senón que tamén actúa no Pazo de Congresos de Barcelona (XXI Festival de “Toxos e Xestas”, Barcelona 2005), Festival Folk de O Pino (2006), ademais de colaborar no primeiro traballo discográfico de Luvas Verdes; “Fandango desesperado” (NGD Música 2005).

A súa actividade artística como concertista levouno a subirse a importantes escenarios acompañado de distintas formacións instrumentais. Como solista actuou no I Concerto de música contemporánea galega para gaita de fol (MUSGAFOL Gaita e piano - 2008), xunto con outros dos mellores gaiteiros de Galicia, coa Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música da Coruña (2010), coa Banda Municipal de Sada (2009)… En 2010 é convidado polo gaiteiro Carlos Núñez a colaborar nun dos seus concertos presentando o seu último traballo discográfico “Alborada do Brasil”.

Músico versátil, Agustín tamén desenvolve un importante labor no eido da composición para gaita, acadando grandes éxitos e loables críticas en distintos concertos e certames de música tradicional. En 2004 é gañador da II Edición do “Concurso de Composición para Gaita Galega Solista” (Constantino Bellón), coa obra “Capricho de gaita”, para gaita e piano. A súa partitura está publicada pola editorial “Dos Acordes”.

Está vinculado ao mundo da docencia desde o ano 1999, impartindo clases de gaita e percusión tradicional en numerosísimas escolas e asociacións culturais. Foi mestre de gaita na G.B.P “Iar” e na prestixiosa A.X “Xacarandaina”, ambos da Coruña, e desde 2003 colabora coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia na impartición de cursos de gaita e percusión tradicional por distintos Centros Galegos do exterior: Marsella (Francia), La Habana (Cuba), Comodoro (Arxentina), Montevideo (Uruguai) e Badalona. En 2009 imparte o XXVII Curso de música tradicional galega de “Cantigas e Frores” (Lugo) na modalidade de técnicas de gaita.

Agora estrea o seu primeiro disco en solitario “Pezas de aquí e acolá” (2012), traballo dedicado integramente á formación de cuarteto tradicional, no que Agustín fai unha selección das súas composicións para esta formación, amosándonos a súa particular visión modernista do cuarteto e a música tradicional galega. Coincidindo coa gravación deste traballo, inaugura a súa páxina web www.agustingaiteiro.com, ademáis de fundar o cuarteto “Farrapos de ghaita” xunto con outros experimentados músicos no mundo da música folk. A sua finalidade non é outra que a de render tributo a esta formación, pero facéndoo dun xeito distinto e innovador, onde a composición, o arranxo e a importación de novos ritmos e xéneros musicais son factores esenciais, sen renunciar por suposto ás súas raíces: a música tradicional galega.

 Obras realizadas

DISCOGRAFÍA E PUBLICACIÓNS:

-Edicións XI, XII, XIII, XIV, XV e XVI do Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón”, 2001-2006

-VIII Concurso de grupos tradicionais “Memorial Manuel Texo”, 2005

-“Fandango desesperado” - Luvas Verdes, NGD Música 2005

-XVI Concurso de Gaita “Constantino Bellón”. Gañadores das catro primeiras edicións do “Concurso de Composición para Gaita Galega Solista”, 2006

-Caderno nº 8 de Gaita: “Capricho de Gaita” para gaita e piano - Dos Acordes 2007

-“MUSGAFOL” Gaita e piano - Dos Acordes 2009

-Libro-CD “Gaita 2.1, Música do XXI ao xeito tradicional” - Dos Acordes 2009

-XIX Concurso de Gaita “Constantino Bellón”. Finalistas do “Concurso de Composición para Gaita Galega Solista”, 2010.

-“Pezas de aquí e acolá” - Agustín Sánchez, Autoeditado 2012.

 Outros datos de interese

Páxina web: www.agustingaiteiro.com