Estudou o bacharelato no Colexio dos Xesuítas de Vigo, rematando o preuniversitario no Instituto Masculino da cidade herculina. Matricúlase na Facultade de Dereito, para deixar logo a avogacía e ingresar en 1960 no Seminario Maior de Santiago coa intención de facerse sacerdote. No terceiro curso vai a Roma a estudar Teoloxía na Universidade Gregoriana ata 1963 que regresa ao Seminario e mantén unha seria crítica á educación ortodoxa, ríxida que alí se daba, afastada das súas inquedanzas espirituais ligadas a unha realidade social que consideraba inxusta. Esta actitude lévao á súa expulsión da institución. Permanece un ano estudando por libre na Colexiata da Coruña para logo, avalado polo sacerdote Manuel Espiña, e co cambio do equipo rectoral do Seminario, regresar a Compostela e acabar ordenándose sacerdote o 19 de decembro de 1969.
De familia acomodada, optou polos pobres e a pobreza, así en 1971 asumiu as parroquias labregas de Sésamo e Sueiro do Concello de Culleredo. Alí adoptou unha forma de vida humilde, sen admitir ningún pago polas labores eclesiásticas, feitas dun xeito sinxelo e participativo. Habitou nunha escangallada casa reitoral, con nada seu máis que os libros. Xantando as veces na casa da nai, manténdose como podía cos escasísimos cartos de párroco e axudando aos labregos nos labores do campo, identificándose con eles como un veciño máis.
Iniciou un exercicio pastoral e converteu o espazo eclesiástico nun centro de vida popular, dinamizando actividades sociais e culturais, aglutinando a unha xuventude que tiña a súa casa como refuxio de liberdade, promovendo unha biblioteca ambulante e medios de difusión críticos, como a revista “Outeiro de San Cosme”, acollendo e apoiando a membros de grupos políticos da oposición á dictadura, asumindo medidas reivindicativas fronte aos problemas parroquiais.
Moncho Valcarce entroncou a súa condición de crego cos principios da teoloxía da liberación e adoptou unha posición vital revolucionaria entendendo que o seu xeito de entrega a Deus era loitar polos máis débiles ata as últimas consecuencias, seguindo fielmente as ideas de Xesús de Nazaret con quen se identificaba plenamente. Implicouse, polo tanto nas loitas agrarias que tiveron grande repercusión pública nos anos da transición política española unha vez falecido Franco, e da que As Encrobas no seu enfrontamento contra a empresa FENOSA foi a máis representativa, sendo alcumado por eso como o “cura das Encrobas”. Pero seguíronlle outros moitos lugares, Baldaio, Xove, As Enchousas, Fruime, Tordoia, Portodemouros, Cuota Empresarial da Seguridade Social Agraria, etc. Anos conflitivos de levantamento labrego contra empresarios, caciques, absentistas e administración que os expulsaban das terras e dos montes, destruíndo casas e facendas, cobrándolles contribucións inxustas. Coa súa presenza, Moncho Valcarce dáballes forza para resistir, coa súa palabra denunciaba a inxustiza das agresións e coa súa decisión de estar a carón dos labregos ata o final, converteuse nun referente histórico do agrarismo galego. Non lle arredaron nin os encarceramentos, as multas, os insultos e vexacións, as acusacións de atentar contra a autoridade, as amezas de morte, incluso os paus e torturas que recibiu nas numerosas detencións ao que o someteron.
A súa fortaleza moral provinte dunha fe inquebrantable, que puña a súa vida ao servizo do pobo, levouno a comprometerse política e sindicalmente, nunha liña nacionalista por comprensión ao caracter de opresión colonial que adquiría o empobrecemento de Galicia. Deste xeito colaborou coas Comisións Labregas, foi asinante dos estatutos de legalización da ANPG, presentouse como Senador polo BN-PG no ano 1977 e ocupou o cargo de tenente de alcalde polo BNG no municipio de Culleredo.
Incómodo para a xerarquía eclesiástica, conseguen envialo en 1987 a Salamanca para facer un curso de reciclaxe na Universidade Pontificia. Aquí ten tempo de reflexionar, transmitindo as conclusións nun interesantísimo documento “O compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta: Galiza” no que xustifica claramente as teses da teoloxía da liberación. Moncho non podía separar fe, presbiterado e conciencia de ser galego. “Xesús -di- nace e vive nunha realidade concreta coas circunstancias que lle rodean sometidas absolutamente ao dominio militar e opresor romano a quen se enfrontou, por iso o seguimento a Xesús ten que empuxar a un galego a sentirse membro dunha nación privada de soberanía, o crego debe identificarse radical e combativamente cos que sofren o peso da opresión para colaborar na conquista dunha nova Galicia e dun novo Mundo”.
Ao ano seguinte regresa a Galicia, e a xerarquía logra que acepte formar parte dun equipo pastoral nas Pontes de García Rodríguez formado por catro cregos e catro monxas da Compañía de María. En pouco tempo faise querido polos veciños, entra a formar parte dun grupo ecoloxista “Niño de Azor”. Comeza a dar clases de relixión no IES das Pontes, que posteriormente lle deu o seu nome, e seguiu na loita colaborando coas Comisións Labregas, defendendo aos caseiros da aldea de Larín en Arteixo cando en 1991 pretenderon expulsalos das terras.
Nos seus meses agónicos aínda tivo tempo de escribir un diario que viu a luz como libro baixo o título “Revolucionario e Místico. Diario íntimo da doenza final”. Unha testemuña humanamente estremecedora diante a morte, dunha persoa que normalizou de tal xeito o seu infortunio, que fixo do desacougo deste feito irreparable, un canto de esperanza, unha chamada a vivir a vida con ilusión e un berro de ánimo a continuar na loita transformadora na confianza de que a morte non remata máis que co corpo pero non coa continuidade dunhas ideas ou dunha fe.