Primitivo Marcos Ferreiro


Categoría: Ilustrador
Data de Nacemento: En 1962
Lugar de Nacemento: Lugo
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Dende moi novo empeza a debuxar influído polos grandes debuxantes clásicos de tebeos aos que admirou sempre.

 Obras realizadas

A súa maior produción está dedicada ao cómic que ven publicando dende os anos 90 en diferentes revistas e para distintos organismos. Principalmente de corte histórico e clásico destacan obras como “O Mariscal Pardo de Cela”, “Guillelme e Rosalía”, “María Castaña” ou “Almanzor”. Coa Deputación Provincial de Lugo publica tres caderniños apaisados de temática medieval que contan as aventuras dunha familia de fidalgos no século XIII. Esta publicación recibe o Premio Ourense de Banda Deseñada no ano 2000. Recentemente “El patito editorial” recompilou este material xa publicado e xunto con outro inédito, sacou á luz “Aventura no Camiño de Santiago I”. No tocante á banda deseñada, publicou ademais a serie “Xulieta” no xornal “El Provisional”, “Os Fdez” na revista Golfiño e máis recentemente “Os Fdez no corazón da noite” na revista Galimatías. Como ilustrador traballou no diario “El Progreso” de Lugo e colaborou en gran número de publicacións de carácter educativo e didáctico. Ultimamente podemos destacar a súa participación no programa da TVG “Historias de Galicia” ou a ilustración do libro “De sol a sol” que en breve publicará a Deputación de Lugo. Realizou exposicións tanto individuais como colectivas entre as que podemos destacar no Museo Provincial de Ourense dentro das “XII Xornadas de Banda Deseñada” (Individual) “Viñetas desde o Atlántico. Dez anos de Viñetas, dez anos de banda deseñada”, A Coruña 2002 (Colectiva) ou “Historieta Galega, 1973-2008” no Auditorio de Galicia (Colectiva).

 Outros datos de interese

Na actualidade Primitivo está a traballar na segunda parte de “Aventura no Camiño de Santiago” e compaxina o seu traballo de debuxante e creador de tebeos co de profesor de inglés no Instituto de Secundaria María Sarmiento de Vivero, cidade na que vive dende 1992.