Estudou o bacharelato en Chantada e a carreira de Bioloxía en Santiago de Compostela. Desde 1992 é doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela e actualmente traballa como investigador no Instituto de Ortopedia e Banco de Tecidos Musculoesqueléticos desta institución. Desde 2003 é profesor de Bioquímica no Dpto. de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC. Comezou a toca-la gaita de fol ós oito anos e con dezaoito fundou a Banda de Gaitas da Asociación Cultural Val do Asma de Chantada e o grupo ‘Folerpas de Chantada’. Uns anos máis tarde, ingresou na agrupación Cantigas e Agarimos e en 1992, xunto con outros compañeiros, a agrupación ‘Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA’ de Santiago de Compostela. Actualmente está preparando un segundo doutorado no departamento de Historia da Arte da Facultade de Historia, que versará sobre a gaita de fol en Galicia. En 1999 formou un grupo de requinteiros (integrado por dúas gaitas, dúas requintas, tambor e bombo) co que editou ‘A Requinta de Xián’ (2003). Actualmente exerce como profesor de gaita de fol en diversas asociacións e escolas: Escola Municipal de Gaita do Concello de Santa Comba, grupo de gaitas do Centro Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras, grupo de requinteiros ‘A Requinta de Xián’ e a sección instrumental do Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA. Desde 2003 colabora no programa da Radio Galega ‘Lume na Palleira’, levando a cabo unha sección especialmente dedicada á música tradicional galega: ‘O Recuncho da Palleta’. Ó longo de 2004 participou no programa matinal de Xusto Carril, realizando unha sección dedicada ó canto tradicional. En 2005 entrou a formar parte da directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos, onde desenvolven un proxecto de posta en valor e difusión do noso folclore musical.
Desde 1992 ven realizando un intenso labor de campo encamiñado a recoller información de primeira man sobre a nosa música de tradición e os instrumentos musicais nela empregados. Este traballo levou á edición, no ano 2000, do disco ‘Os sons esquencidos’.Un dos froitos do traballo de investigación sobre os instrumentos musicais galegos será a próxima edición dun libro sobre os aerófonos tradicionais galegos. Coa editorial Edicións do Cumio e coa colaboración da Radio Galega está traballando, desde 2004, na edición dunha colección de discos de vellos gaiteiros. Colaborou como gaiteiro co grupo de cámara da Universidade de Santiago de Compostela na gravación do disco ‘In Itínere’. Outros traballos discográficos son: ‘Andando Camiño’ e ‘Eiquí...Acolá...’ (Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia e un terceiro en preparación). En 2005 comezou unha colaboración co grupo de música barroca ‘Resonet’, dirixido por Fernando Reyes, que frutificou na gravación dun disco baseado nos relatos dun peregrino italiano a Santiago de Compostela no século XVIII. Presentou varias comunicacións en congresos de musicoloxía nacionais e internacionais sobre a gaita de fol e os instrumentos tradicionais galegos. En 2005 organizou, en colaboración co Concello de Pontevedra, unha mostra de instrumentos tradicionais galegos. Tódalas súas gravacións de campo realizadas nestes anos de investigación foron cedidas ó Consello da Cultura Galega para a súa dixitalización e estudo por parte de calquera persoa interesada.
No ano 2000 adquiriu un taller no que constrúe e repara instrumentos musicais tradicionais galegos. Integrado no Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA, ten actuado por toda a xeografía galega así como en moitos lugares da Península e no estranxeiro (Finlandia, Francia, Portugal e Noruega). Como solista destaca, entre as súas actuacións, a que realizou en Bergen (Noruega) como embaixador cultural de Santiago de Compostela con motivo da reunión das cidades europeas capitais da cultura do ano 2000.