Nicanor Rielo Carballo


Pseudónimo:R. Lenza
Categoría: Crego e escritor
Data de Nacemento: 22 de marzo de 1932 (†13 de marzo de 2000)
Lugar de Nacemento: Arcos de Frades-Pol (Lugo)
 Currículum

Os estudios eclesiásticos, que realizou no Seminario Conciliar de Lugo, completounos no Instituto Social León XIII de Madrid, onde se diplomou en Ciencias Sociais. Logo dunha breve estadía no Caurel, como párroco, trasladouse ós Peares para facerse cargo, como capelán, dos servicios relixiosos da empresa hidroeléctrica alí emprazada. O seu posicionamento a favor dunha Igrexa máis comprometida coa cultura autóctona fixo que o clero da zona o nomease o seu representante no Concilio Galego e na Asemblea Conxunta. Desde moi cedo deuse a coñecer como colaborador de prensa. Os seus traballos publicáronse nos xornais El Progreso, O Correo Galego ou La Región e en revistas como "Cuadernos de Estudios Gallegos", "Revista de Dialectología y Tradiciones Populares", "Kilovatio", "Unión Fenosa", "Encrucillada", "Lucensia", "Amencer", "Irimia" e outras, con temas, case sempre, sobre o Románico na provincia de Lugo (do que era un experto coñecedor), sobre Etnografía e sobre Bibliografía lucense.

 Obras realizadas

Entre as súas obras podemos destacar: Refranero popular de Carballedo (Madrid, 1972-75), galego-castelán; Inventario Artístico de Lugo y su provincia (coautor, Madrid, 1975-1983), en castelán; San Vicente de Pombeiro (Lugo, 1976), en castelán; Escolma de Carballedo (Vigo, 1976), en galego; El Libro Lucense (A Coruña, 1982), en castelán; Dende o meu lar (Lugo, 1995), en galego e Libros impresos en Lugo (Lugo, 1996), en galego.

 Outros datos de interese

Dentro do Instituto de Estudios Galegos Pai Sarmiento, do que formou parte, estivo adscrito á sección de Etnografía. Foi membro do Padroado do Museo do Pobo Galego e da Escola Galega de Antropoloxía.