Ordénase sacerdote en 1951. É Bacharel en Sagrada Teoloxía, licenciado en Filosofía e experto en Linguas Clásicas. En 1952 é nomeado ecónomo da parroquia de S. Cristovo de Cervela. En 1955 comeza o seu labor como profesor do Seminario Diocesano, tarefa á que dedica toda a súa vida (42 anos) compaxinándoa coa investigación. En 1967 é nomeado representante da diocese na Xunta do Museo Provincial e vogal da Comisión de Arte Sacro da Diocese de Lugo. En 1981, acepta ser Delegado Episcopal de Misións e entra tamén na Comisión Diocesana de Patrimonio Artístico.
Entre 1964 e 2005 publicou 77 traballos sobre a orixe dos nomes de lugares e persoas. A súa faceta de investigador está reflectida nun milleiro de artigos publicados en diferentes xornais e revistas. Investigou os topónimos de vintecatro concellos da provincia de Lugo e de media ducia doutras provincias.
Foi membro correspondente da Real Academia Galega. A RAG publicou en dous tomos (2011 e 2013) os seus traballos co título de 'Estudos de Toponimia Galega'.