María Solar Núñez


Categoría: Xornalista
Data de Nacemento: 25 de decembro de 1970
Lugar de Nacemento: Santiago de Compostela (A Coruña)
 Currículum

Licenciada en Xornalismo (SEK, Segovia), Licenciada en Bioloxía (USC), Diplomada en Maxisterio (USC) e Título de Especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental (Universidade Politécnica de Madrid).

 Obras realizadas

Xornalista e presentadora da Radio Galega e da Televisión de Galicia (TVG). Desde 1994 céntrase na comunicación en radio, televisión e prensa.
Actualmente é presentadora e coordinadora do programa cultural Zigzag Diario da TVG (Premio Mestre Mateo ao mellor programa de TV do ano 2011). Na TVG foi presentadora en numerosos e variados programas como o divulgativo Ciencianosa (2006-2008), Gala 100 Anos do Himno desde Uruguai (2007), Gala do Cocido de Lalín (2007), Gala do Festival de Cine Independente de Ourense (2006), Especiais Loita Contra o Lume (2006), o concurso Arrampla con todo (2004), copresentadora de Que Boa Tarde (2002), Os Directos da Galega e colaboradora en moitos outros.

Os seus inicios profesionais na radio foron en 1994, Radio España-Cadena Top 40 posteriormente na Radio Galega dirixiu e presentou varios programas, en especial, durante oito anos, o magazine As tardes da galega.

Colabora con artigos e/ou seccións fixas en prensa e revistas.

Como divulgadora científica recibiu o segundo premio de Xornalismo Científico "Galicia Innovación" e ten participado en diversas actividades, foros e na elaboración da Estratexia Galega de Educación Ambiental da Xunta de Galicia.

Iniciouse no mundo da escrita desde a vertente divulgadora infantil para pasar á puramente narrativa. Ten publicados os seguintes libros: As meigas de Lupa (Xerais, 2012), Vou ter un irmán (Galaxia, 2011), O Fillo do Pintamonas (Tambre, 2009), Boa Sorte (Baía, 2008), O Tempo do revés (Baía, 2008), O Libro do Noso Mar (Lea, 1999) e Ecoloxía na Aula (Lea, 1997).

É actriz de dobraxe en galego e castelán, voz de campañas publicitarias e presentadora de numerosos eventos, actos institucionais e festivais como Sons da diversidade ou o Festival de cine euroárabe Amal (2008).

 Outros datos de interese