María Rosalía Rita de Castro


Categoría: Escritora
Data de Nacemento: 24 de febreiro de 1837 (†15 de xullo de 1885)
Lugar de Nacemento: Santiago de Compostela (A Coruña)
 Currículum

Ó nacer Rosalía é a familia do pai a que se fai cargo dela. Estivo coidada por dúas tías. O seu pai era un cura chamado José Martínez Viojo. A pesar da súa condición, o pai non a abandona e encárgase da súa educación. Trasládase logo a Padrón con súa tía Teresa onde a súa nai, Teresa de Castro, asume o seu papel de nai e ocúpase de Rosalía. Viviron en Padrón e logo trasladáronse a Santiago. Alí frecuentaba as aulas da Sociedade Económica de Amigos do País e participaba asiduamente nas festas do Liceo da Xuventude, que estaba no antigo convento de San Agustín. Ó Liceo acudían figuras da mocidade intelectual santiaguesa daquel entón, entre os que se encontraban Murguía, Aurelio Aguirre e Pondal. Fíxose amiga dunha irmá de Pondal, Eduarda, coa que foi á romaría da Virxe da Barca pois ámbalas dúas estaban enfermas de tifo. Rosalía curou pero Eduarda morreu a consecuencia desa enfermidade. En 1856 Rosalía trasládase a Madrid, onde vive na casa dunha curmá da súa nai. En 1857 coñece a Manuel Murguía despois de que este fixera unha crítica do seu primeiro libro de poemas La flor. Casan no ano 1858 e trasladan o seu domicilio a Santiago de Compostela. Ó ano seguinte teñen a súa primeira filla Alejandra. Logo viviron en distintos lugares segundo as actividades de Murguía: A Coruña, Madrid, Simancas, onde parece ser que Rosalía escribiu a maior parte dos poemas de Follas Novas. Viaxaron por Extremadura, Alacante, e estiveron tamén algún tempo en Lugo. Pero os lugares onde habitaron preferentemente foron A Coruña, Santiago e Padrón, onde morre na súa casa de A Matanza o 15 de xullo de 1885. Foi enterrada no cemiterio de Adina, que ela cantara en versos de Follas Novas. En 1891 os seus restos foron trasladados á Igrexa de Santo Domingo, de Santiago.

 Obras realizadas

En 1857 Rosalía publica en Madrid o seu primeiro libro de versos La flor, que contén poemas de corte romántico onde se ve a influencia de Aguirre, Espronceda e Zorrilla. Dous anos máis tarde, no 1859. pouco despois de casar, publica en Vigo a novela La hija del Mar, que está escrita en castelá, como tódalas súas novelas. É unha novela de corte romántico, inspirada na paisaxe mariñeira da costa de Muxía. 1861 é o primeiro ano que nos dá a primeira composición de Rosalía en lingua galega. Na revista El Museo Universal publica o poema "Adios ríos; adios, fontes". Segundo conta Murguía escribiu este poema en Castela, onde sentía morriña da súa terra, das súas xentes e da súa lingua. Neste mesmo ano publica en Madrid Flavio, que aínda segue a ser unha novela na que aínda se manifesta a súa xuventude. En 1862 publícanse algúns dos seus poemas no Álbum de la Caridad. O 17 de maio de 1863 sae á luz unha das súas obras máis importantes, Cantares Gallegos. Esta data sería a elixida para celebrar cada ano o Día das Letras Galegas en recordo desta importantísima publicación. Nese mesmo ano Rosalía publica o poema castelán A mi madre no que expresa unha profunda dor pola morte de Teresa de Castro. En 1866 publica en Madrid a novela Ruinas. Os personaxes desta novela reflicten os costumes dunha vila que ben podería ser Padrón e son modelos portadores de valores espirituais que debería ter o ser humano. En 1867 publica a que sería a mellor das súas novelas, El caballero de las botas azules, subtitulada por Rosalía como Cuento Extraño. A acción desta novela transcorre en Madrid e critícase a hipocrisía e ignorancia da sociedade. É un mundo irreal de ficción literaria que non aspira á verosimilitude. En 1872 imprime a segunda edición de Cantares Gallegos, que contén catro poemas máis ca primeira edición: "Miña Santiña", Díxome nantronte o cura", "¿Qué ten o mozo?", "Si a vernos, Marica, nantronte viñeras". O ano 1880 é sen dúbida unha data importante para a literatura galega, Rosalía edita Follas Novas coincidindo tamén coas edicións de Aires da miña terra de Curros Enríquez e Saudades Gallegas de Lamas Carvajal. En Follas Novas Rosalía afonda na existencia humana, ofrécenos unha visión desolada do mundo e da vida, sendo a saudade o sentimento predominante en toda a obra. No ano 1881 publica en Madrid El primer loco, que tamén subtitulou Cuento extraño, aínda que non se parece a El caballero de las botas azules, pois non ten humor fantástico nin finalidade satírica. En 1884 sae a luz tamén en Madrid o importante libro de versos En las Orillas del Sar, que pode considerarse como unha continuación intimista e lírica de Follas Novas. Aquí atopamos un mundo de total desolación no que a infelicidade e a desesperanza son as condicións humanas. A última publicación de Rosalía foi Un Conto Galego, que se editou de maneira póstuma no ano 1923.