María Gloria de Antonio Rubio


Categoría: Axudante de investigación do CSIC
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED, 1995) e doutora pola UNED no ano 2002 coa tese "Las comunidades judías en Galicia, siglos XI-XV". Este traballo é un estudo integral sobre a poboación xudía que habitou no territorio da actual Comunidade Autónoma de Galicia, centrado fundamentalmente no período baixomedieval. Estrutúrase en dúas partes. Na primeira estúdase a demografía e os personaxes mellor documentados, a situación dos barrios xudeus, os seus principais edificios e as actividades profesionais exercidas polos xudeus galegos medievais así como as relacións que mantiveron coas institucións cristiás. Na segunda parte inclúese o apéndice documental, tanto de documentos inéditos como publicados previamente, que serviron de base á investigación que se complementa cos correspondentes índices onomásticos e de documentos.

Dende agosto de 2008 é axudante de investigación do CSIC no Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento" (CSIC, XuGa).

As súas liñas de investigación versan sobre as comunidades xudías baixomedievales, as mulleres que nelas viviron e sobre prosopografía da nobreza galega na baixa Idade Media.

 Obras realizadas

Participou en proxectos nacionais e internacionais de investigación así como en proxectos financiados pola Xunta de Galicia e a Fundación Pedro Barrié de la Maza. Entre as súas publicacións figuran: 'Os xudeus en Galicia' (Lóstrego, 2004), 'Los judíos de Rivadavia. La judería de Ribadavia y sus personajes en los siglos XIV-XV' (2004, Lóstrego), 'Los judíos en Galicia (1044-1492)' (Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2006) e 'Judíos e Inquisión en Ribadavia' (Concello de Ribadavia, 2009). A isto hai que engadir capítulos de libros, artigos en publicacións tanto nacionais como internacionais e artigos de divulgación.

 Outros datos de interese

Obtivo o premio internacional 'Samuel Toledano' en 2008, polo libro Los judíos en Galicia (1044-1492). Este galardón concédese a un investigador de Israel e a outro de España, que traballan sobre temas aos que se dedicou Samuel Toledano: o estudo das comunidades xudías en España e nos países da diáspora sefardí, a súa historia e o seu legado cultural, as relacións entre xudeus, cristiáns e musulmáns en España e as relacións entre España e Israel.