Manuel Bragado Rodríguez


Data de Nacemento: En 1959
Lugar de Nacemento: Vigo (Pontevedra)
 Currículum

Director xeral de Edicións Xerais de Galicia S.A. desde xaneiro de 1994, é licenciado en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago (1976-1981) e mestre de educación infantil e primaria en excedencia desde 1990. Desde 1986 ata a actualidade é o director da Revista Galega de Educación. Foi membro dos relatorios de “Lingua” e “Literaturas e industrias da edición” do Consello da Cultura Galega e redactor do documento “Lingua e edición” do relatorio de Cultura do proxecto Galicia 2010. Ademais, foi presidente da asociación pedagóxica Nova Escola Galega (1986-88) e traballa en Edicións Xerais de Galicia dende o ano 1990, desempeñando as función de director de edicións (1990-93) e director xeral (1994 ata a actualidade).

 Obras realizadas

Colaborador de diferentes medios de comunicación, participou no consello de redacción de A Pizarra (suplemento de educación de Faro de Vigo) e Na escola (suplemento de educación de La Región e Atlántico diario). Ademais, desde o mes de agosto de 1999 e de forma ininterrompida, publica semanalmente a sección “Campo de Granada” en Faro de Vigo, sobre actualidade sociocultural de carácter local (245 artigos publicados), pola que obtivo o Premio Gómez Román (2000) convocado polo Concello de Vigo. Ten dirixido a elaboración e os proxectos didácticos de máis de dous centos de libros de texto dirixidos á educación non universitaria; deseñou e dirixe varias coleccións de literatura infantil e xuvenil (singularmente “Fóra de Xogo”, “Cabalo buligán”), publicou varios libros de carácter pedagóxico, estudios sobre o estado da edición en lingua galega e o libro para primeiros lectores Dona Carme (Ir Indo, 1989).

 Outros datos de interese

Actualmente traballa na súa tese de doutoramento sobre Historia das publicacións educativas en Galicia (1900-1980).