Vicente Peña Saavedra


Categoría: Investigador, escritor e profesor
Data de Nacemento: 21 de febreiro de 1958
Lugar de Nacemento: San Claudio - Ortigueira (A Coruña)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Licenciado [1980], Graduado [1981] e Doutor [1990] en Filosofía e Ciencias da Educación (Sección de Pedagoxía) pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesor Titular Numerario [1994] do Departamento de Teoría e Historia da Educación da mesma Universidade, na que foi Colaborador de Cátedra [1980-1983] e Bolseiro de Investigación [1981-1983], e onde ven impartindo docencia dende 1983 ata a actualidade de distintas materias de carácter histórico-educativo. As súas liñas de investigación céntranse fundamentalmente na Dimensión educativa da emigración transoceánica (ss. XVII-XX), na Educación na Galicia rural e no Museísmo Pedagóxico no Mundo. Sobre estas e outras temáticas ten dirixido diversos proxectos de investigación patrocinados e financiados institucionalmente. -Director de varias Teses de Doutoramento e Licenciatura. Dictou numerosas conferencias en foros nacionais e internacionais e presentou diversos relatorios e comunicacións en Congresos e Reunións científicas da súa especialidade. -Está en posesión dos seguintes galardóns: Premio Nacional ós mellores bolseiros, Premio Nacional de terminación de estudios universitarios, Premio extraordinario de Licenciatura e Premio extraordinario de Doutoramento. Foi Secretario dos Departamentos de Pedagoxía Sistemática [1983-1986] e de Teoría e Historia da Educación [1986-1988] da Universidade compostelá. Director da Área de Documentación Educativa e Publicacións do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago [1991-1994] e representante das Facultades de Filosofía e Ciencias da Educación [1991-1996] e de Ciencias da Educación [1996-2000] na Comisión de Publicacións da propia Universidade. -Foi membro do Relatorio de Cultura Galega no Exterior [1993-1999] e do equipo directivo do Arquivo da Emigración Galega [1993-1999] do Consello da Cultura Galega. No marco desta institución asumiu a dirección dos proxectos Repertorio da prensa galega da emigración [1998], O asociacionismo galego no mundo [1999] e Arquitectura escolar dos emigrantes galegos [1999]. Forma parte do Consello Científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades [1999-2000], onde dirixe o proxecto Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) por designación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

 Obras realizadas

-Autor ou coautor de 14 libros e de máis de medio cento de artigos sobre temas da súa especialidade. Entre as súas obras cabe citar: Las Escuelas de Americanos y las Sociedades de Instrucción en Galicia (1991); Éxodo, Organización Comunitaria e Intervención Escolar: la impronta educativa de la emigración transoceánica en Galicia (1991), 2 vols.; Galicia-América: relacións históricas e retos de futuro (1993); Historia da Educación. Textos comentados (1993); Informe socioeducativo: os galegos da terceira idade en América (1996); Repertorio da prensa galega da emigración (1998) [edición en CD-Rom e impresa]; Edición facsimilar e estudio introductorio a La primera luz de Manuel M. Murguía (2000). -Cofundador e coeditor da revista Estudios Migratorios [1995-1999]; membro do Comité de Redacción e do Consello de Redacción da revista Sarmiento (Anuario Galego de Historia da Educación); membro do Consello de Redacción da publicación periódica Innovación Educativa; membro do Consello de Redacción de Adaxe (Revista de Estudios e Experiencias Educativas). Colaborou na Exposición Galicia e América: cinco séculos de historia (1992). Dirixiu e realizou a Exposición Os centros educativos do cubanos: memoria gráfica (Vigo, 1998); formou parte do Comité Asesor da Exposición Galicia e Australia: vellos amigos (1999), e integrou o equipo de documentación e execución da Exposición A Educación en Galicia, 1669-1970: textos escolares, escritos pedagóxicos, prensa educativa (1999). Realizou estadías para o desenvolvemento de actividades docentes ou de investigación en Cuba, Arxentina, Uruguai, México e Brasil.

 Outros datos de interese

É membro numerario das seguintes sociedades Científicas: Sociedade Española de Pedagoxía, Sociedade Española de Historia da Educación (socio fundador), Asociación para o Estudio dos Exilios e Migracións Ibéricos Contemporáneos (socio fundador), World Association for Educational Research, International Standing Conference for the History of Education e Asociación Internacional de Estudios Galegos (membro electo da Xunta Directiva, 2000-2003).