Mª Ángeles Rodríguez Fontela


Data de Nacemento: 14 de agosto de 1952
Lugar de Nacemento: Lugo
 Currículum

Licenciada e doutora en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, exerceu como docente en varios Institutos de Bacharelato e no Colexio Universitario da capital lucense nas décadas dos setenta e oitenta. En 1995 pasou á Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela, con sede en Lugo, onde é profesora titular de Teoría literaria e Literatura Comparada desde 1998. Participou e participa en varios proxectos de investigación de universidades españolas e europeas nas que tamén deu conferencias. En Bruxelas e Lieja traballou con algún dos máis destacados especialistas de Retórica e Semiótica.

 Obras realizadas

Da súa investigación principal sobre o Bildungsroman derivan dous libros: “La novela de autoformación. Una aproximación teórica e histórica al Bildugsroman desde la narrativa hispánica”. Kassel: Reichenberger (1996) e “Poética da novela de autoformación. O Bildungsroman galego no contexto narrativo hispánico”. Santiago de Compostela: Centro “Ramón Piñeiro” (1996) e outras publicacións ademais de diversas conferencias que sobre o tema pronunciou en universidades catalás e portuguesas.

 

Nos últimos anos traballa na relación da literatura con outras artes, especialmente coa fotografía (cfr. “Literatura e fotografía”, en Arturo Casas (coord.), Elementos de crítica literaria, Vigo, Xerais, 2004) e coa publicidade (cfr. “Cómo descubrimos quiénes somos y quiénes queremos ser. De la literatura a la publicidad”, en Tropelías, 15-17, 493-515). Na Universidade de Zaragoza traballou e publicou sobre autores galegos como Vicente Risco, Víctor Said Armesto, Eduardo Blanco Amor ou Salvador de Madariaga dentro do equipo de investigación que promove os Seminarios sobre “El pensamiento literario español del siglo XX”. Investiga tamén sobre tipoloxía discursiva, mitoloxía e a relación dos discursos humanístico e científico.