Comezou a traballar como carpinteiro. Ós 15 anos ingresou nas "Xuventudes Libertarias", sendo ós 16 secretario de organización e ós 18 presidente do sindicato de carpinteiros. Ó inicio da Guerra Civil, encontrábase na Coruña, e intentou fuxir pero foi descuberto e detido. Ingresou no cárcere da Coruña condenado a pena de morte, séndolle conmutada a pena ós cinco meses. Estivo preso sete anos. En 1943 saíu en liberdade vixiada e fuxiu para manterse na clandestinidade. Foi elixido secretario político do Movemento Libertario e secretario no Consello Nacional de Forzas Políticas, onde estaban tódolos partidos políticos da oposición ó réxime. Continuou inmerso na loita antifranquista e o 9 de abril de 1946 foi detido de novo en Madrid. Foi condenado de novo a morte, sendo conmutada a pena pola de 30 anos. En 1948 logrou escapar do cárcere e fuxiu a Bilbao, desde onde pasou a Francia. En 1950 chegou a París, despois trasladouse a Australia, a Estados Unidos e a Uruguai, onde conseguiu o título de Bibliotecario ós 50 anos. Deu clases de francés e inglés en Montevideo, trasladándose primeiro a Texas e logo a Houston como bibliotecario e director da sección de adquisicións. En 1964, despois de publica-la súa tese licenciatura, Bibliography of the Spanish War 1936-39, foi traballar á Biblioteca Nacional de Washington como consultor da Biblioteca do Congreso, unha das mellores del mundo. En 1975, con 60 anos, defendeu a súa tese de doutoramento Guerre civile espagnole 1936-39. Interventions estrangeres. Deu conferencias en gran cantidade de universidades estadounidenses, españolas, francesas e sudamericanas.
Instituíu un premio de carácter bianual dotado con tres millóns de pesetas para investigacións e busca de documentación relacionadas coa Guerra Civil. Canalizouno a través da Fundación "Bosch Gimpera" e logo tomouno ó seu cargo a Universidade de Barcelona. A Universidade de Alacante nomeouno colaborador na cátedra de Historia Contemporánea da Facultade de Filosofía e Letras no curso académico 1985-86.