Ingresou con dez anos no instituto Francisco Aguiar de Betanzos e foi o alumno máis novo en aprobar o exame de ingreso naquel de 1952. Estudou Peritaxe Mercantil na Escola de Altos Estudos Mercantís e Industriais da Coruña (Comercio) entre 1957 e 1961. En 1965 e 1966 traballou como administrativo en Almacenes Carrero de Santa Eugenia de Ribeira. Desde 1967 ata 1980, desempeñou diversos cargos na provincia da Coruña (A Coruña e Ferrol) como empregado, socio e directivo de varias empresas do sector automobilístico (Citroen, Renault, Comprauto SL, Virauto SL) e de servizos, así como nunha de comercio exterior (Silga SL). En 1980 desprazouse a Madrid colaborando cunha empresa de comercio exterior e transportes marítimos hoxe desaparecida. En 1982 contratárono como director dunha empresa francesa cunha filial en España (Polistrat S.A.) que fabricaba produtos e sistemas para construción e restauración de edificios (Ahorro Energético SL) ata 1984. Nesa data entrou como director de marketing e desenvolvemento para España da multinacional francesa SICOF, pertencente ao grupo francés ELF AQUITANE. Naqueles anos SICOF era unha das primeiras empresas europeas fabricante de produtos e sistemas destinados á conservación, restauración e rehabilitación de edificios cunha ampla gama de produtos destinados a restaurar o Patrimonio Cultural, e cunha importante sección de I+D situada na súa sede central de Reims.
A través de SICOF, e durante case cinco anos, viaxou por toda Europa, nun proceso de formación e desenvolvemento, participando activamente como observador nalgunhas das restauracións máis importantes que naquel tempo se levaron a cabo: El Louvre, a Catedral de Colonia, a Torre Eiffel, a catedral de Reims, o Duomo de Milán e Notre Dame en París, entre outras moitas. Durante este período de tempo, estivo en contacto cos equipos de arquitectos e restauradores destas grandes obras, que foron a base da miña principal formación en materia de Conservación, Restauración e Rehabilitación de Patrimonio Cultural. Abandonou Sicof a principios de 1990 en que tomou un ano sabático. Entre 1991 e 1993 formou parte, xunto a un grupo de arquitectos, dun proxecto empresarial en forma de empresa de restauración (Sistemas de Restauración. SL). A crise de 1992 fixo que en 1993 abandonara este proxecto, iniciando pola súa conta un novo proxecto en 1994, en que fundou a revista Restauración y Rehabilitación (R&R), primeiro en solitario, e máis tarde en 1996 ao amparo do potente grupo editorial Prensa Española General de Revistas (ABC).
Aos tres anos de dirixir en Prensa Española a revista R&R, en 1998, Prensa Española SA, decide vender todo o grupo editorial das súas revistas, á Editorial América Ibérica SA, posuidora xa dun importante número de cabeceiras. Durante todo este tempo e, dependendo das circunstancias, exerceu o seu labor como director ou editor de R&R ata o mes de febreiro de 2004, ano no que cesou voluntariamente por discrepancias co seu presidente sobre as tendencias de opinión e contidos da revista. En 2005 regresou a Betanzos para atender uns negocios que xunto a un grupo de amigos montaran en 2002.
Durante dez anos (1994-2004) escribiu máis de cen artigos de opinión e investigación e foi o autor de varias e importantes entrevistas (Federico Mayor Zaragoza cando era director xeral da UNESCO en París, Álvaro Siza (Porto), Gian Luigi Colalucci (Italia) e Rafael Moneo, todas elas publicadas en R&R. Así mesmo, é o autor de ducias de reportaxes nacionais e internacionais sobre o Patrimonio Cultural, levados a cabo por todo o mundo (Suecia, Francia, Italia, Perú, Inglaterra, Túnez, EE.UU., etc). Publicou tamén máis de corenta separatas (de 20 páxinas cada unha) sobre diferentes temas culturais relacionados co Patrimonio, a súa conservación, restauración e a súa posta en valor.
En 1999 fundou e dirixiu a revista Arte y Subastas dentro do mesmo grupo Editorial América Ibérica.
Foi o autor ou coautor, ao tempo que director, de varios libros:
-Ciudades Españolas Patrimonio de la Humanidad. El Arte en el Camino (posiblemente un dos libros máis precisos e didácticos sobre os monumentos e os estilos que delimitan o Camiño Francés a Compostela).
-Álvaro Siza “particular visión de la arquitectura”. La Facultad de Ciencias de la Información de Santiago de Compostela, con prólogo do premio Novel de Literatura José Saramago.
-Guía de las subastas de Arte en España.
En colaboración coa AECI (Axencia Española de Cooperación Internacional) dirixiu e editou tres libros sobre o desenvolvemento das escolas taller en Ibero América e os seus criterios de restauración.
En 1996 foi o ideólogo e promotor do 1º Salón-congreso sobre o Patrimonio Cultural organizado en España pola Xunta de Galicia (SIPAC) en Santiago de Compostela celebrado en 1997.
Así mesmo, foi o autor do proxecto, ao tempo que coordinador e conferenciante, no 1º e 2º Congreso Ibero Americano del Patrimonio Cultural (2001-2003- Auditorio principal de Ifema Madrid) con máis de cento sesenta conferenciantes procedentes de todo o mundo e máis de catrocentos congresistas inscritos. Algúns dos conferenciantes foron insignes personaxes como Eusebio Leal, Jorge Edwars e José Jimenez Lozano, ambos premios Cervantes. Dirixiu e colaborou no libro e un CD dos relatorios de ditos congresos e do 1º Salón do Patrimonio Cultural nas mesmas datas no pavillón Nº- 2 de Ifema, con máis de sesenta e cinco expositores. Ambos eventos foron inaugurados pola Súa Maxestade A Reina.
Tamén foi membro, desde a súa creación, do xurado do Premio Reina Sofía do Patrimonio Cultural, premio creado para tal evento.
Tamén foi membro do xurado dos premios organizados pola Fundación Gabarrón de Valladolid e da Casa Grande de Torrejón de Ardoz.
Durante máis de 14 anos participou como relator en decenas de conferencias, así como en varios másteres sobre Restauración, Rehabilitación e posta en valor do Patrimonio Cultural nas seguintes universidades: Complutense de Madrid, Europea, CEU, Alcalá de Henares, Burgos, Valladolid, Badaxoz, Canarias (Lanzarote), Salamanca, Sevilla e Catania (Italia).
No ano 2000 creou, xunto con outras persoas, a Asociación de Empresas de Restauración de España (ARESPA) que hoxe aglutina ás 50 empresas máis importantes do sector da Restauración Arquitectónica.
Desde o seu regreso a Galicia, escribiu varios artigos sobre diferentes temas sociais e culturais, publicados na prensa galega (La Voz de Galicia, entre outros) así como no Anuario de Betanzos.
Entre outubro e decembro de 2002 e 2003, asistiu aos cursos organizados pola Real Asociación do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, do que foi socio de mérito. Os cursos estaban dirixidos polo insigne Académico e Catedrático Francisco Calvo Serraller, o tema principal baseábase en “El Arte Contemporáneo y su intrusión a lo largo del tiempo en nuestra sociedad” e ditas leccións maxistrais (vintecatro) foron impartidas por algúns dos mellores expertos do mundo nesta materia.
Na actualidade, e desde hai tres anos, forma parte dunha editorial (G 7 Patrimonio y gestión Siglo XXI S L.) que edita a revista Restauro que dirixe.
Hai uns anos iniciou a escritura dun libro (máis ben unha ucronía) sobre o Mestre Mateo e o Pórtico da Gloria e o século XII.