Dende neno sentiu vocación musical cantando, tocando guitarra, frauta traveseira, e outros instrumentos.
No servizo militar tocoulle formar parte dunha banda de gaitas e cornetas.
Alí mesmo, entaboou amizade cun galego que soubo transmitirlle a graza da gaita e a música galega.
O remate do servizo, mercou unha gaita e comeza a tocar dun xeito autodidacta. Despois dun ano comprendeu que era necesario ir a Galicia para afondar mellor na técnica da interpretación.
Comezou traballando no Taller de Percusión dos Alegres de Pontevedra, alternando o traballo no taller e as tocatas co grupo.
Dende os inicios foi dando clases de música ate o día de hoxe. Neste apartado pode comentar que tivo moitos alumnos en grupos de música de adultos e de novos de idade escolar en colexios e asociacións. Dentro desta actividade hai que destacar cursos de gaita e percusión impartidos na emigración por medio da Xunta de Galicia.
Unha parte importante do seu traballo foi a busca de músicos rurais que lle transmitiran a enxebreza da música propia galega. Esa busca deu como resultado o desenvolvemento da dixitación pechada que impartiu nas súas clases e que utilizou para el como unha opción persoal.
Ten realizado case tódalas actividades posibles coa gaita: gaiteiro solista, compoñente do cuarteto “Tronada”, compoñente do grupo folk-rock “Alecrín”, mestre de gaita, conferenciante, artesán de palletas, artesán de percusión...
Ten publicados varios traballos xornalísticos en xornais e revistas e participado en varios discos. O derradeiro destes discos como gaiteiro solista, coa participación do percusionista Manuel Alonso.
Outro asunto relacionado coa música rural e o estudio das percusións, coa pandeira e o pandeiro como instrumentos en fase de desaparición dos que atopou informantes valiosos que lle amosaron músicas que tamén incorporou para o seu coñecemento e para as súas clases.
Unha vez máis, da música rural, puido extraer un repertorio de cántigas formidable, especialmente na montaña de Lugo, onde tanta riqueza hai neste senso.
Nos últimos tempos ten traballado como asesor musical do programa da Televisión de Galicia “Alalá”, unha interesante actividade que lle permitiu difundir con maior relevancia a arte de moitos informantes que coñeceu durante estes anos.